Tarde solidaria coa Anemia de Fanconi en Nigrán

A tarde do 5 de xaneiro, desde as 16:00 ata as 21:00 horas, o Concello de Nigrán e a Cafetería Coffe&Meal (Hotel Val Convection), situada na Rúa Rosalía de Castro número 6, únense nunha “Tarde Solidaria coa Anemia de Fanconi”. Toda a recadación destinarase á Fundación Anemia de Fanconi, que apoia a pacientes con Anemia de Fanconi e fomenta a investigación para atopar unha cura. Haberá música en directo, un mercado solidario, comida, bebida e moito máis.

A esperanza está na investigación e aínda queda moito por facer, a Anemia de Fanconi é unha enfermidade tan rara como grave que padecen unhas 150 persoas en España e só en Nigrán hai cinco casos dos poucos que hai diagnosticados en Galicia.

“Esta xornada presenta un dobre obxectivo, por unha banda a recadación de fondos para continuar na procura de tratamentos eficaces e, por outro, a sensibilización social sobre a necesidade de incrementar as doazóns de medula”, declara César Comesaña, organizador do evento e paciente de Anemia de Fanconi de Nigrán.