A Nao Victoria recalará mañá en augas de Baiona

Con motivo do 525 aniversario do Descubrimento, o porto marítimo de Baiona recibirá mañá venres unha invitada moi especial. A reprodución do navío utilizado por Juan Sebastián Elcano para dar a primeira volta ao mundo atracará no porto pesqueiro, xunto ao museo flotante, para conmemorar a noticia do Descubrimento traída a terra por Martín Alonso Pinzón en marzo de 1493. Trátase dunha das catro réplicas que posúe a Fundación Nao Victoria completamente funcionais e que estará aberta a veciños e visitantes desde o 22 ao 24 de xuño de 10:00 a 21:00 horas. Unha vez bote amarras serán recibidos nun acto oficial e izarase desde a súa cuberta a bandeira do 525 aniversario.

Desde a Concellería de Actividades Marítimas adiantaron que falta por precisar o momento exacto da súa chegada a porto así como os horarios de apertura ao público xa que dependen da meteoroloxía para recalar na vila. “Sempre están dispostos a colaborar con Baiona, non é a primeira vez que acoden ata a nosa costa para colaborar en diferentes iniciativas relacionadas co Descubrimento”, matizou o responsable de área, Raúl Costas Lafuente. A última vez foi hai dous anos, en 2016, cando a embarcación estivo atracada en Baiona do 21 ao 23 de outubro, nunha ruta enmarcada no calendario de visitas do “Nao Victoria Tour” por máis de 30 cidades de toda Europa aínda que a de mañá non será a última, Costas adiantou que nun futuro próximo a institución repetirá experiencia coa súa nova réplica da Nao Santa María, votada no pasado mes de marzo no porto de Punta Humbría e co Galeón Andalucía construído en 2009 nas mesmas instalacións que o anterior. “A verdade é que temos unha estreita relación coa Fundación Nao Victoria”, apuntou Lafuente.

UN PROXECTO EFÉMERO

A Nao Victoria foi construída en 1991 co fin de expoñerse na Expo de Sevilla 1992, algo que nun principio non tiña maiores pretensións pero a fidelidade das súas dimensións, funcionalidade e acabado converteron á atracción nunha embarcación que leva tras as súas costas máis de 40.000 millas náuticas, unha volta ao mundo completa que tardou dous anos en finalizar e polo menos dúas voltas a Europa.

A madeira de carballo utilizada para reproducir as pezas estruturais proceden de bosques próximos ao río Miño, os mastros realizáronse en madeira de piñeiro dos montes segovianos de Balsaín e os diferentes compoñentes do aparello fixéronse con madeira de oliveira e aciñeira da Serra de Cazorla. Ignacio Fernández Vial foi o encargado de facer os planos aos que lle dedicou sete anos e actualmente os estaleiros de Punta Humbría atópanse realizando outro exemplar exacto a este.

Unha vez que se deu por finalizada a Expo de Sevilla 1992, a nave descansou no interior do pavillón da navegación da mesma cidade onde permaneceu exposto aos ollos dos curiosos durante anos.

VISITAS PÚBLICO XENERAL:
Datas: 22 ao 24 de XUÑO
Lugar: PORTO PESQUEIRO DE BAIONA
Horario: 10:00 a 21:00 horas
Tickets: adultos 4 € / Nenos (5-10 anos): 2 € / 10 € Familias (2 adultos + ata 3 nenos de entre 5-10 anos)
Puntos de vendas: no barco ou na web: www.fundacionnaovictoria.org