O TSXG autoriza esixir o pasaporte COVID-19 para acceder a residencias, ximnasios e eventos multitudinarios

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a esixir en toda a comunidade autónoma a presentación do certificado COVID-19 de vacinación para acceder aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional, a instalacións pechadas nas que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas e a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o consumo no seu interior. A medida estará vixente desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 18 de xaneiro de 2022.

Ademais, o alto tribunal autorizou o Goberno galego a prorrogar, ata esa data, a condición de exhibir o certificado de vacinación ás visitas e acompañantes de pacientes de centros hospitalarios, -e a estende aos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos e de diálises e aos hoteis de pacientes-, así como para entrar en albergues turísticos, locais de lecer nocturno e establecementos de hostalería e de xogo que conten con servizos de restauración.

Os maxistrados destacan no auto que as persoas non vacinadas teñen a alternativa de presentar un certificado de proba diagnóstica negativa e inciden na necesidade de establecer a medida nos espazos indicados para que poidan manter a súa capacidade máxima e o normal desenvolvemento das súas actividades. “en situacións en que se aprecia o incremento de riscos de contaxio, polas características peculiares de actividade, que deben ser adecuadamente controladas, ou polas características de especial vulnerabilidade que concorren”. Ademais, subliñan que o feito de que o pasaporte COVID-19 “non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios”, si reduce o risco de transmisión do virus, polo que entenden que a medida é idónea e proporcionada.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo tamén indica na resolución que a medida se implementa “en resposta a indicios racionais que poñen de manifesto a existencia dun perigo para a saúde da poboación que se pode ver agravado se non se adopta”. Ademais, o TSXG autorizou que a validación e control dos certificados se realice coa lectura do código QR mediante a aplicación PassCovid de Galicia, creada pola Consellería de Sanidade.