Anuncios
Ticker de novas

WWF lanza a iniciativa “Un tweet que da un respiro” para repoboar Chandebrito

WWF lanza con Reale Seguros a iniciativa “Un tweet que da un respiro”, que busca a implicación dos usuarios de Twitter premiando cada un dos seus retuit coa plantación dunha árbore dunha especie autóctona (carballo, bidueiro, castiñeiro ou madroño). O obxectivo é chegar a 3.000 para recuperar unha zona da parroquia nigranesa de Chandebrito afectada polos incendios de outono de 2017, dentro do proxecto de restauración que levan a cabo en Galicia durante os dous próximos anos, co patrocinio de Reale Seguros e a colaboración da Comunidade de Montes en Man Común de Chandebrito e a Universidade de Vigo.

Desde a páxina web aseguremoselfuturodelbosque.com o usuario que se some á campaña poderá retuitear o mencionado tuit en branco e sumar así unha árbore máis para os bosques galegos. Cada retuit, sen comentario e baleiro de contido como símbolo do “respiro” que lle damos ao planeta, contabiliza como unha planta. Ao longo dos días poderase seguir o reconto e obter información completa e detallada do desenvolvemento da iniciativa.

Na última década, os incendios están a cambiar o seu comportamento debido aos efectos do cambio climático. Na actualidade fálase xa de “superincendios”, capaces de calcinar superficie máis ampla e dunha maneira máis virulenta. Por iso, o proxecto conxunto de Reale Seguros e WWF contribuirá a mellorar o coñecemento técnico e científico sobre a restauración de ecosistemas incendiados, que se poderá extrapolar a futuros incendios. Ademais traballarase coa poboación local de Chandebrito en actividades de sensibilización sobre o impacto dos incendios forestais.

Anuncios
error: Content is protected !!