Veciños de Gondomar volven reclamar un Centro de Saúde digno

FOTO: CABE // Concentración en Gondomar por un Centro de Saúde digno.

Gondomar Concello Aberto convocou onte sábado unha nova concentración a prol dun Centro de Saúde digno para Gondomar que cubra as necesidades reais de asistencia sanitaria para toda a poboación. “Non estamos dispostos a asumir os recortes da Sanidade Pública, nin imos asumir un novo Centro de Saúde que vai nacer xa cun déficit asistencial e sanitario. Seguiremos”, sinala Pauliño del Río.

Segundo CABE, que a actual estrutura que alberga a Unidade de Atención Primaria de Gondomar, Centro de Saúde, é claramente insuficiente é un feito por todos constatado. Polo que se fai imprescindible a construción dun novo centro de Atención Primaria, cun Plan Funcional e un programa de espazos que dea resposta as necesidades asistenciais actuais e poda acoller crecementos futuros. Non é o caso do novo Centro de Saúde programado.

As ratios comparativas así o poñen de manifesto, mentres en Nigrán hai 1 médico cada 1.277 pacientes, en Gondomar se eleva a 1 cada 1.715, en Pediatría mentres que en Nigrán é de 1 por cada 755 nenos en Gondomar supera a tripla 1 para 2.267, en enfermería máis do mesmo mentres que no concello veciño é de 1 por 1.172 en Gondomar é de 1 por 2.027. “Empeza a época das vacacións, empezaremos coas restricións e peche de consultas. A Xunta e o Concello parecen non concernidos por esta problemática. O Sr. Ferreira mofándose das concentracións e o Sr. Conselleiro dando a calada por resposta, non tivo a ben nin tan sequera contestar a solicitude de entrevista, avalada por 2.000 sinaturas”, conclúe o voceiro de CABE.

Anuncios