Anuncios
Ticker de novas

Dous institutos de Gondomar benefícianse do programa de intercambio coa UE Eduexchanges

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva do programa EduExchanges, de intercambio de alumnado entre centros escolares galegos e centros do estranxeiro, co fin de que os rapaces melloren as súas competencias lingüísticas noutro idioma – a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumno–, nun contexto de convivencia diaria nunha contorna familiar.

Esta iniciativa, que se enmarca dentro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2020, dirixiuse a alumnado que estea cursando 3º e 4º de ESO, e nela puideron participar todos os centros de ensino públicos galegos que teñan desenvolvido algunha iniciativa deste tipo –ou teñan previsto facelo– entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño deste ano.

En total resultaron beneficiarios 15 centros públicos, un total de 235 alumnos e alumnas e máis de 30 profesores e profesoras. Dos 15 centros beneficiarios cinco son da provincia da Coruña (IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas, de Oleiros; IES Plurilingüe A Cachada, de Boiro; IES de Catabois, de Ferrol; IES Nº 1 de Ribeira e IES Afonso X O Sabio, de Cambre), tres de Lugo (IES Monte Castelo e IES Perdouro, ambos de Burela, e IES Río Cabe, de Monforte de Lemos), seis de Pontevedra (IES Plurilingüe Terra de Turonio e IES Auga da Laxe, ambos de Gondomar; IES Plurilingüe A Paralaia, de Moaña; IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín; IES Miguel Ángel González Estévez, de Vilagarcía de Arousa; e IES Ramón Cabanillas, de Cambados) e un de Ourense (IES As Lagoas, da cidade das Burgas)

Estadías en Alemaña, República Checa e Francia

No referido aos países de destino, un dos centros viaxou a Alemaña (IES As Lagoas) para mellorar o alemán e outros dous realizaron senllos intercambios para mellorar o inglés en Alemaña (IES Nº1 Ribeira) e á República Checa (IES de Catabois). Os 12 centros restantes realizaron unha viaxe de intercambio a Francia coa lingua francesa como lingua vehicular do intercambio.

A Consellería de Educación financia esta iniciativa, que se convoca por primeira vez este ano, cun total de 105.000 euros que se distribuirán entre os 15 centros seleccionados. Cada un deles recibirá unha cantidade de 300 € por alumno participante e outros 1000 € para o profesorado acompañante.

Os centros educativos deben ocuparse de todos os aspectos organizativos relacionados co intercambio, incluída a planificación das actividades educativas e extraescolares que consideren, baixo a supervisión dun docente que exercerá de coordinador. Pola súa banda, as familias do alumnado participante no proxecto comprométense a recibir na súa casa a un alumno doutro país e a responsabilizarse do seu aloxamento e manutención.

Aprendizaxe activa nun contexto real

Dentro das accións da Consellería para acadar o obxectivo de mellorar a competencia en linguas estranxeiras por parte dos alumnos, está a de favorecer a internacionalización dos centros educativos e a mobilidade a nivel europeo e internacional. Nesta liña, os intercambios escolares son un importante recurso para a aprendizaxe activa de linguas estranxeiras, xa que favorecen a convivencia e a comunicación nun contexto real e dun xeito natural.

Nesta mesma liña, cómpre lembrar que a Consellería tamén ten en marcha o programa Galimiens, de intercambio con centros educativos franceses dependentes da Académie d’Amiens, tamén dirixido a alumnos de 3º e 4º ESO que cursa a materia lingua francesa como primeira ou segunda lingua estranxeira.

Anuncios