Baiona acolle “Vivir el mar”, a nova mostra a pé de rúa de Afundación e Lunwerg en Galicia

Afundación, a Obra Social de ABANCA, Lunwerg Editores e o Concello de Baiona inaugurarán este venres 3 de xullo a exposición de imaxes do recoñecido fotógrafo do mar, Philippe Plisson, “Vivir el mar”. A mostra poderase contemplar, ata o 19 de xullo, a pé de rúa no baionés Paseo da Palma, trasladando, deste xeito, a cultura aos espazos abertos. “Vivir o mar” componse dalgunhas das pezas máis icónicas asinadas por Plisson nas que se recollen imaxes mariñas de todas as latitudes. Esta homenaxe ao medio mariño, e a todas aquelas persoas cuxo medio de vida depende del, ilustra tamén o compromiso da Obra Social de ABANCA coa promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto, o 14 (Vida submarina), o 13 (Acción polo clima) e o 4 (Educación de calidade).

“VIVIR O MAR”

A mostra de fotografías de Philippe Plisson componse de 35 paneis, entre imaxes e texto, articulados en 7 seccións: As 1000 caras do mar, Acariñando a terra, Construíndo o mar, A conquista do mar, Desafiando ao mar, Gardiáns do mar e A batalla perdida. As emblemáticas fotografías de Plisson son o resultado de vinte e cinco anos de traballo en cincuenta países diferentes. A forza e a beleza das instantáneas axudan a sensibilizar e a visibilizar sobre o estado dos mares e océanos e convidan a adquirir un compromiso coa conservación do medio mariño, orixe e sustento da vida no noso planeta. Da súa vitalidade e conservación depende o mantemento de todo canto existe no mundo.

Con esta exposición, Afundación Obra Social ABANCA sae á rúa compartindo espazos de lecer, de paseo, e enriquecendo os momentos de encontro nos espazos públicos cunha achega cultural de primeira orde que aúna mensaxe, beleza, transcendencia e emoción.

Esta exposición está enmarcada dentro da campaña #ComprométomeA, na que se combinan moi diversas iniciativas de marcado carácter ambiental, cultural e formativo. Así, desde a mostra virtual “O mar nas coleccións de arte ABANCA e Afundación” ata a produción de audiovisuais, conferencias ou obradoiros educativos escolares, a Obra Social de ABANCA promove a concienciación sobre a importancia dos océanos nas nosas vidas e a necesidade de adquirir compromisos concretos con respecto ao mar e aos océanos, e ao medio ambiente na súa totalidade.