Último día para inscribirse no programa “Xuntos polo Nadal”

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Xuntos polo Nadal en Panxón.

A Secretaría Xeral de Política Social organiza o programa “Xuntos polo Nadal” para aquelas persoas maiores que se atopen soas en Nadal e así poidan pasar estas datas acompañadas doutras que se atopan na mesma situación. Hoxe é o último día para inscribirse.

O programa contempla aloxamento en réxime de pensión completa durante 15 días, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro, nas residencias de tempo libre do Carballiño ou Panxón.

Os requisitos son os seguintes: ser maior de 65 anos ou 60 sendo pensionista, residir na comunidade autónoma de Galicia, valerse en por si e non padecer enfermidades infecto-contaxiosas nin trastornos mentais, non estar acollido en ningún centro residencial, ter un nivel de ingresos baixo e ter que pasar só/a as datas de Nadal.

Máis información no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona, situado na planta baixa da Casa Consistorial, na rúa Lorenzo da Carreira, s/n, ou no teléfono 986 382 659.