Sin categoría

“Nigrán non volverá ter orzamento no mellor dos casos ata avanzado o ano 2018”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Nigrán asegura nun comunicado que, unha vez transcorrido o ano 2017 sen que o goberno municipal fose capaz de aprobar un orzamento para ese exercicio, Nigrán non volverá ter orzamento en 2018, polo menos xa avanzado ese ano.

“Despois de que no primeiro semestre deste ano o Alcalde convocase a representantes de todos os grupos municipais para elaborar en común un orzamento para o ano 2017, como fai sempre, ao cabo duns días e a pesar de que na devandita reunión fixéronselle achegas e suxestións por parte de todos que con seguridade ían mellorar a vida dos nosos veciños, ao final esquécese diso nun caixón”, lembran os populares.

Cando comunicou publicamente que este ano 2017 non ían elaborar os orzamentos, comprometeuse outra vez con todos os grupos políticos municipais a que se aproveitaría o xa traballado para o 2017, para ter os do ano 2018 aprobados en tempo e forma, é dicir, vixentes ao 1 de xaneiro do 2018.

“Outra mentira do Sr. Alcalde (que comeza a ser coñecido polo repertorio delas que acumula e que están a facer perder a paciencia a moitos veciños), pois nos atopamos na segunda semana de novembro e non se presentou proposta-borrador aos Grupos nin nada que se lle pareza”, engaden desde o PP.

“Comentouse por varios portavoces nos plenos municipais que parece ser interese do actual Equipo de Goberno non realizar máis que un orzamento no actual mandato (o do ano 2016) e seguir gobernando saltándose as normas con recoñecementos extraxudiciais de créditos cada vez maiores (os do presente ano roldarán os 300.000 euros), que é diñeiro gastado a través de contratos verbais prohibidos pola lei, facendo pedidos sen ter consignación orzamentaria e outras aberracións administrativas e contables ás que este goberno adheriuse constantemente. Nin que falar das subvencións para obras, pois o Concello vén subsistindo coas que proceden de Deputación e Xunta de Galicia para realizar obras, sen practicamente facer ningunha co seu orzamento, dispoñendo de máis de tres millóns de euros limpos en caixa para realizalas”.

Os populares cren que a política municipal non é só facerse fotos e publirreportaxes para os medios, senón tamén estar na xestión municipal do día a día, marcando prioridades, planificando e desenvolvendo proxectos, e dando un uso correcto e eficiente aos impostos dos veciños para as necesidades que estes teñen.

“A actitude constante de falta de respecto e consideración cos diferentes grupos municipais, caracterizada por falta de achega da información que se lle solicita para que os concelleiros da oposición poidan realizar a súa lexítima tarefa de fiscalización e control do goberno e as continuas mentiras e enganos con que nos obsequia, fan que só con acudir a unha sesión plenaria póidase comprobar que ata os Grupos políticos que facilitaron a súa investidura perderon a confianza no Sr. González como alcalde”, conclúe o comunicado do PP.