Gondomar ofrece o sábado o espectáculo infantil «O mundo máxico de Pinocho»

A Concellería de Cultura de Gondomar ofrece este sábado 11 de novembro o espectáculo infantil e familiar «O mundo máxico de Pinocho» de EducaTeatro Producións. A función comezará ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío, cun prezo de 2’50 euros. O despacho de billetes abrirá ás 18:00 horas. Non hai venda anticipada.

En «O mundo máxico de Pinocho», o público atoparase cunha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi. Unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará a Pinocho no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro tentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.