Unha trintena de galegos buscan corredores cegos para ser os seus guías

A enerxética EDP busca corredores cegos e guías que queiran “Compartir a súa enerxía” en Galicia.

Unha trintena de galegos de diferentes puntos da comunidade xa se inscribiron en http://www.compartetuenergia.com e están dispoñibles para poder ser guías de corredores cegos ou con discapacidade visual grave; xa sexa para adestrar en modo amateur ou para participar en carreiras e probas populares.

A plataforma en liña foi creada por EDP, coa colaboración da ONCE e a Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC); co popular atleta maratoniano, Martín Fiz, e o runner internacional cego, Pablo Cantero, como embaixadores e primeira parella de runners formada. O obxectivo é concienciar á sociedade para que todas as persoas, sexa en modo afeccionado ou profesional, poidan gozar do deporte e non existan barreiras ou obstáculos para facelo.

Esta iniciativa conta xa con máis de 1.000 persoas inscritas por todos os recunchos de España. A todas as persoas que se inscriban en Comparte a túa enerxía en Galicia, e atopen á súa outra “metade” deportiva, EDP regalaralles dorsais para poder correr a próxima edición da popular carreira VIG-BAY EDP.