O Monte Real Club de Yates únese aos mellores clubs náuticos do mundo

©Sailingshots by María Muiña Photography

O histórico Monte Real Club de Yates de Baiona únese ao mellores club náuticos do mundo tras lograr ser incluído no exclusivo International Council of Yacht Clubs (ICOYC), a asociación que reúne aos 44 clubs (agora 45 co MRCYB) máis prestixiosos do mundo.

As actividades de responsabilidade social que o club baionés impulsa a través da súa Escola de Vela Adaptada para persoas con diversidade funcional, nenos con problemas de conduta, persoas maiores ou mulleres vítimas de violencia machista foron un dos aspectos máis valorados para a súa inclusión no ICOYC.

Tamén se mostraron atraídos os clubs integrantes polo roteiro marítimo que o Monte Real organiza para completar o Camiño de Santiago por mar, un traxecto que pode xerar importantes sinerxias turístico-deportivas con outros clubs do norte de Europa atraídos polo trazado Xacobeo.

Entrar a formar parte desta prestixiosa entidade náutica era unha vella aspiración do club que dirixe José Luis Álvarez, quen sempre se mostrou interesado en ter voz propia nos mellores foros a nivel mundial. “A incorporación do Monte Real ao ICOYC non é só -di Álvarez- unha boa noticia para o club senón tamén para toda Galicia, porque nos faremos eco de todo o que aquí se faga e poida ser interesante para o resto do mundo”. “Seremos os transmisores -conclúe o presidente do Monte Real- da cultura, o deporte, a gastronomía e o bo facer dos galegos”.

O International Council of Yacht Clubs é unha asociación creada para impulsar a navegación a vela e mellorar a organización de actividades e eventos náuticos a nivel mundial. Forman parte dela, entre outros, clubs tan prestixiosos como o San Diego Yacht Club (EEUU), o Clube Naval de Cascais (Portugal), o Yacht Club de Mónaco, a Societe Nautique de Marseille (Francia), o Royal Yhames Yacht Club (Londres), o Royal New Zealand Yacht Squadron (Nova Zelandia), o Royal Natal Yacht Club (Sudáfrica) ou o Royal Canadian Yacht Club (Canadá).

Na lista de clubs membros hai dous clubs españois: o Real Club Náutico de Palma e o Real Club Náutico de Barcelona, que o pasado mes de outubro, encargouse de organizar a ICOYC 2021 EUROPEAN CONFERENCE, na que o Monte Real participou como relator da man do comodoro do club, Ignacio Sánchez Otaegui.

Foi precisamente a presentación realizada nese evento a que deu o último impulso para que o ICOYC aceptase a inclusión do club baionés entre os seus membros. “Isto chega -di Otaegui- nun ano moi importante para o club, ás portas de acoller as 52 SUPER SERIES e o Mundial da clase J80”. Para o comodoro do Monte Real “compartir experiencias con estes clubs tan prestixiosos, que teñen ademais un gran compromiso co deporte e os grandes eventos deportivos, supoñerá un gran impulso para seguir traballando e traendo a mellor vela a Galicia”.

Na carta na que o International Council of Yacht Clubs anuncia ao Monte Real a súa inclusión na asociación, o presidente do ICOYC, David Mead, destaca as sinerxias e oportunidades que se poden crear coa inclusión dun club tan destacado como o MRCYB.