A Deputación financiará o 50% do servizo de teleasistencia de Baiona, Gondomar e Nigrán

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un aumento da financiación do servizo de teleasistencia domiciliaria dirixido a persoas que precisan dunha atención continuada en concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, do que xa se benefician preto de 500 persoas. Mediante unha adenda ao convenio, en vigor con 46 concellos, a institución provincial pasará de sufragar o 34% ao 50% do servizo, asumindo a metade dos costes derivados deste, o que se agarda que repercuta nun aumento de usuarios e usuarias ata as 700 persoas beneficiarias.

O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra ampara na actualidade a un total de 465 persoas, das que preto dun 75% son mulleres. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida que isto implica.
Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ó día e 365 días ó ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.

Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares aos usuarios e usuarias co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas e xornadas de convivencia.

O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia da Deputación é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente co seu entorno socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas.

Ata a data son 46 os concellos da provincia beneficiados polo servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra:son Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo – Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Agolada, Gondomar, O Grove, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Portas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

Adxudicación do servizo de teleasistencia 2018 -2019

Así mesmo, durante a celebración da última Xunta de Goberno, tamén se aprobou o expediente para a adxudicación, por procedemento aberto, dun acordo marco que rexerá a prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria na provincia de Pontevedra para os concellos de menos de 20.000 habitantes durante 2018 e 2019. Dito marco contará cun orzamento de 88.200 euros ano.