Anuncios
Ticker de novas

A Deputación achega máis de 211.000 € a Baiona para a construción do novo parque infantil da Palma

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento para Baiona ao abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2017”. Cun importe total situado en 211.572,68 euros, Baiona poderá desenvolver diversas actuacións co obxectivo de acondicionar o parque infantil da Palma.

O Concello de Baiona construirá un novo parque infantil na Palma que incluirá un gran castelo medieval temático acorde coa Fortaleza de Monte Real que ten ao seu carón.

O proxecto vai destinado a reformar o parque de referencia de Baiona e o Val Miñor e modernizar todas as instalacións. O obxectivo é renovar unha zona de xogos que xa foi construída hai 25 anos e que vai quedando obsoleta en relación aos outros 15 parques dos que dispón o municipio.

O Concello xa definiu as características que terán as novas instalacións e contempla unha ampliación de case 100 metros cadrados para alcanzar un máximo de superficie de 560 metros cadrados de chan continuo. Ademais, estará preparado con elementos para todas as idades e disporá de xogos para persoas con mobilidade reducida ou algunha discapacidade.

Ao longo das dúas últimas décadas o parque da Palma xa foi mellorado con constantes remodelacións, pero neste caso o equipo de goberno local pretende un cambio integral nunha zona máis céntrica e emblemática da Vila por tratarse das instalacións máis utilizadas.

Con estas novas aprobacións, sinalou a Presidenta provincial, Carmela Silva, “ata o momento xa se aprobaron preto de 820.000 euros para Baiona ao abeiro do Plan Concellos 2017”, un investimento total de 819.296,59euros que supón que “a porcentaxe total adxudicada ata hoxe se sitúa no 91,5%”. Este ano, Baiona recibe un total de máis de 895.000 euros no Plan Concellos, case un 3% máis de recursos en comparación co ano pasado.

Ata o momento, Baiona xa recibira a cantidade de 366.454,82 euros para levar a cabo a mellora de camiños de titularidade municipal e a renovación do céspede artificial e da pista de atletismo na instalación deportiva municipal do Aral. Á marxe da liña 1, outros 40.000euros en liña 2 para a Festa da Arribada da Carabela Pinta 2017 e finalmente 201.269,50 euros en liña 3 para a contratación de 25 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

Anuncios