A Deputación desenvolverá un sistema informático para xestionar os padróns municipais

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar o expediente para a conclusión, mediante procedemento aberto, dun acordo marco que rexerá a prestación do servizo de implantación, uso e soporte dunha solución para os padróns municipais de habitantes dos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes.

Carmela Silva sinalou que “é un asunto moi relevante aínda que poida non parecelo” xa que “a lexislación vixente obriga aos concellos a actualizar os seus padróns, pero os concellos de menos de 20.000 habitantes non teñen recursos para realizar este soporte”. A Presidenta provincial lembrou que “como teñen a obriga legal pero as leis se aproban sen ter en conta os recursos dos que dispoñen os concellos, vai ser de novo a Deputación de Pontevedra quen se fará cargo economicamente de asumir esta actualización tecnolóxica”.

Trátase dun proxecto co que “a institución provincial permitirá a implantación, a migración de datos, a posta en marcha, a formación e o mantemento dun sistema informático que xestione o padrón municipal destes concellos da provincia”, sinalou a Presidenta provincial, cunhas ferramentas que, ademais, “estarán totalmente integradas nas plataformas de administración electrónica que os concellos xa teñen implantadas tamén grazas á Deputación de Pontevedra cun custo de preto de 900.000 euros”.

O proxecto “apróbase por un valor de 484.000 euros e dous anos de duración, con posibilidade de prórroga por outros dous anos máis pola complexidade de elaborar un padrón”, sinalou Carmela Silva. Deste xeito, destinaranse 81.000 € este ano 2017, en 2018 outros 242.000 € e, por último, 161.000 euros en 2019.

Grazas a esta ferramenta, os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán dispor dun servizo que facilitará e axilizará os trámites e reducirá os tempos de espera da cidadanía, ademais de permitir a optimización de gastos e recursos e a xeración dunha administración máis próxima para os veciños e veciñas. Carmela Silva sinalou que se trata dunha “nova ferramenta que poñemos á disposición dos concellos para garantir que cumpran coas obrigas marcadas pola lei coa menor cantidade de recursos posibles”.

A Deputación de Pontevedra, con esta nova iniciativa, permitirá que todos os concellos beneficiarios poidan contar con medios informáticos para a correcta xestión do padrón, con solucións semellantes entre elas, tecnoloxicamente vixentes e cun correcto mantemento. Ademais, deste xeito a institución provincial garantirá que estas ferramentas se integren dentro das sedes electrónicas de cada municipio, para permitir que a cidadanía interactúe coa administración por medios telemáticos.