Baiona colga o traxe medieval con máis de 160.000 visitantes

Miles de persoas achegáronse este fin de semana a Baiona para regresar ao Medievo e conmemorar o 524 aniversario da chegada da carabela La Pinta coa noticia do Descubrimento de América.

Aínda que finalmente a choiva non faltou, desde a organización e a Policía Local fan un balance positivo en canto á afluencia de xente, e estímase que durante as tres xornadas de celebración unhas 160.000 persoas pasaron pola Real Vila.

A bolsa de aparcadoiro en Porto do Molle serviu para que unhas 3.000 persoas entrasen no municipio de forma gratuíta en autobús e sen o menor trastorno, 1.860 durante a xornada do sábado e 1.100 na do domingo. As navieras Mar de Ons e Piratas de Navia cancelaron os seus servizos de transporte marítimo polas condicións meteorolóxicas.

Baiona engalanouse para recibir a miles de visitantes vindos de todas partes, converténdose nun espectacular teatro ao aire libre no que é posible trasladarse cinco séculos atrás grazas á XXII Festa da Arribada.

A Misa Solemne na Igrexa de Santa María e a exposición sobre a carpintería de ribeira no Casal do Rexemento (Casa do Concello) foron os primeiros actos do venres. Xa pola tarde, no Parador Conde de Gondomar, foi o momento da recepción de autoridades e a homenaxe a Martín Alonso Pinzón.

O sábado, descubriuse unha placa conmemorativa polo 40 aniversario do monumento ao capitán da Carabela Pinta situado no Paseo Pinzón coa actuación do Coro “Amigos por Milagros” de Palos de la Frontera. Tras unha visita ás Paradas dos Pobos Irmáns celebrouse o Gran Desfile Medieval polo Real Mercado coa participación de toda a animación da Festa da Arribada.

Un ano máis o gran protagonista foi o Real Mercado Medieval, que este ano creceu ata a rúa Marqués de Quintanar con máis de 200 postos.

Non faltaron artesáns, malabaristas, zancudos, exposicións, cetrería, contendas de esgrima e combates históricos, tiro con arco, torneo de xusta, música antiga, espectáculos nocturnos de lume e a representación teatral “Arribada do Descubrimento”.

Os máis pequenos puideron gozar na Alameda dos Aprendices, o Campamento de Adestramento de Cabaleiros, as Olimpíadas Medievais, Reta de Ponis e Burriños, Paseos en Camelos e Dromedarios, a Granxa Medieval, o Parque de Aventuras Desafío Medieval, o Parque Temático Medieval de Playmóbil e o Parque de Atraccións Medievais.

Baiona colga o traxe medieval ata o próximo ano e hai quen xa está a pensar na próxima edición da festa medieval, pois a Arribada é unha festa tan especial que non deixa indiferente a ninguén e que unha vez que a vives e gozas, repites unha e outra vez, e non cha queres perder.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.