Mar subvencionará ata un 25% a adquisición do primeiro barco para menores de 40 anos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Consellería do Mar subvencionará ata un 25% adquisición do primeiro barco pesqueiro para persoas menores de 40 anos, ata un máximo de 75.000 euros. A esta liña a Consellería destina 500.000 euros e para poder acceder a estas axudas, os interesados deben ter traballado un mínimo de 5 anos como mariñeiro ou ter a titulación profesional exixida segundo a embarcación que se queira mercar.

Así o reflicte un informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, que recolle un conxunto de 3 convocatorias de axudas para 2017 por importe total de 21,4 millóns de euros de subvencións para mellorar a actividade pesqueira e acuícola galega, ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Estas ordes de axudas sairán publicadas nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A liña de subvencións para a compra do primeiro barco enmárcase dentro dunha orde de axudas que tamén prevé máis de 110.000 euros para compensar a aqueles tripulantes que traballasen a bordo de buques que paralizaron a súa actividade. Deste xeito, a contía global da orde de axudas a tripulantes de buques pesqueiros é de máis de 610.000 euros.

A segunda orde de achegas para a frota que recolle o informe é para investimentos que fomenten a pesca sustentable para os propietarios de buques pesqueiros. Unha convocatoria á que se destinan preto de 2,7 millóns de euros. Ao abeiro delas poderanse subvencionar actuacións que melloren as condicións de traballo e seguridade dos buques, investimentos relacionados coa eficiencia enerxética, coa mitigación do cambio climático e co aumento do valor engadido e a calidade dos produtos, entre outros.

Transformación e comercialización

A terceira orde de axudas que reflicte o informe é para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura. A elas a Xunta destina 18,1 millóns de euros para fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable e competitiva. Deste xeito subvencionarase ata o 50% das melloras que realicen as pemes.

Así, serán obxecto destas axudas os proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, que melloren a seguridade, hixiene, saúde e as condicións de traballo das plantas e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano. Tamén aqueles investimentos relacionados coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como aquelas que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.