Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas inicia o seu calendario coa defensa da coroa de Tomás Miralles en Murcia

Máxima ambición na apertura do curso para o Vigo-Rías Baixas. A duodécima tempada da estrutura presidida por José Luis Chamorro no pelotón Elite e Sub-23 arranca este venres na Vuelta Ciclista al Guadalentín – Región de Murcia. O conxunto flúor acode á primeira rolda por etapas do ano co gañador da pasada edición.

Tomás Miralles, unha das quince fichaxes realizadas pola escuadra olívica para o seu novo proxecto, forma parte do “seis” que o director deportivo Jesús Blanco Villar presentará na liña de saída de Mazarrón. O ciclista elite alacantino impúxose en 2023 na segunda etapa e na xeral final da Volta ao Guadalentín. Para defender a súa coroa contará cun dos bloques máis potentes da carreira.

O gañador a pasada campaña da Clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo, o andaluz David González, tamén se estrea co seu novo equipo nesta cita, do mesmo xeito que Álvaro García, Owen Lightfoot e Mario Díaz. A aliñación a completa Pelayo Alonso, unha das promesas que continúa no Vigo-Rías Baixas respecto á pasada tempada. Ademais dos puntos que se poñen en xogo para as clasificacións estatais, a Volta ao Guadalentín exerce de test para a Copa de España, competición que se poñerá en marcha a finais de febreiro.

A sétima edición da rolda murciana ofrece tres xornadas de media montaña. A primeira, de 125 quilómetros, inclúe catro ascensións puntuables e un final esixente en Puerto Lumbreras. O sábado subirase a metade de etapa a Cresta del Gallo, de 1ª categoría e o porto máis duro desta proba, e o domingo a volta resolverase na explosiva subida ao Alto del Castillo de Lorca.

Concentración

A toma de contacto coa competición chega para o Vigo-Rías Baixas tras unha convivencia de catro días, de domingo a mércores, no Hotel Cemar de Mondariz-Balneario. Neste stage os adestramentos, reunións e sesións de formación combináronse con actos cos patrocinadores e institucións. O persoal e os membros do staff recibiron as visitas de José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; de Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra; e de Manel Fernández, Concelleiro de Deportes de Vigo.