Nigrán inicia coa primeira festa dos “Maios” un mes completo dedicado ás Letras Galegas

O Concello de Nigrán inicia este xoves coa súa primeira celebración oficial da festa dos “Maios” un mes completo de actividades culturais dedicadas ás Letras Galegas e, máis en concreto, á figura homenaxeada de Luísa Villalta. O recentemente rehabilitado muíño de Porto do Molle será o escenario elixido para a maior parte das actividades que se levarán adiante ata o 31 de maio. Alí haberá desde foliada a teatro, concertos, actividades infantís…

“Fixemos unha programación con actividades vinculadas directamente coa vida e obra de Luísa Villalta e outras de exaltación da nosa lingua a través da música, o teatro, contacontos ou incluso brinquedos tradicionais, a maioría delas enfocadas á infancia, xa que aí está o futuro do galego”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen defende o muíño de Porto do Molle como a mellor das localizacións. “Estamos moi orgullosos de poder empregar o muíño porque representa a arquitectura máis tradicional de Galicia e porque forma parte do noso patrimonio cultural, nestes espazos naceron as muiñeiras, así que non hai mellor escenario posible para as Letras Galegas”, explica.

Deste xeito, o Concello de Nigrán celebra por vez primeira este xoves 9 a súa propia festa dos “Maios” con todos os colexios de Nigrán, que expoñerán as súas creacións a partir das 10:00 horas no exterior do muíño de Porto do Molle. Alí terá lugar a actuación de Trémola Teatro “A nena do violino e a poesía”, en homenaxe a Luísa Villalta, escritora e violinista. Ao día seguinte, ás 20:00 horas, o grupo “Os Alegres do Val Miñor” levará a cabo a función “Aí vén o Maio”, mentres que o sábado 11 á mesma hora terá lugar unha foliada cos gaiteiros e pandereteiras do Sobreiro e a actuación “De flor en flor”, da intérprete Leni Pérez e o acordeonista Roberto Comesaña.

O domingo 12 a programación trasládase ao Auditorio co concerto-homenaxe a Villalta da Coral Novos Aires de Nigrán ás 20:00 horas; e o martes 14 e xoves 16 á Biblioteca Municipal a partir das 18:00 con contacontos infantís (“A orixe”, de Raquel Queizás e “Contamos en Igualdade”, de Eduvía, respectivamente).

O propio día das Letras Galegas terá lugar no muíño de Porto do Molle a actuación do grupo Varalonga en homenaxe a María Luisa Villalta e Bernardino Graña (escritor galego de referencia que vive nunha residencia de Nigrán desde hai décadas). Pola súa banda, a tarde do sábado 18 estará dedicada á cativada cos brinquedos tradicionais de “Xogando Miudiño” e actividades de Teatro do Ar. Finalmente, o venres 31 de maio péchase a programación na Praza do Concello coa obra “De Vilatriste a Vilalegre”, de “Utópica Rodante”, do Centro Dramático Galego.