Sin categoría

Unha gran bóla de fogo ilumina o ceo da comarca do Val Miñor

O 112 Galicia rexistrou múltiples chamadas por un fenómeno atmosférico pouco frecuente esta madrugada. O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias contabilizou avisos deste suceso desde O Porriño, Vigo, Redondela, Pontevedra, O Saviñao, Oleiros, Beariz, Nigrán, As Neves, Taboada e A Rúa. Todos eles entre as 0:50 e a 1:15 horas desta madrugada.

A maioría dos alertadores coincidiron no seu relato, explicando que se tratou dunha gran bóla incandescente en movemento que iluminou o ceo de cor verdosa ou avermellada e que finalmente se desfixo en anacos. De feito, moitos deles referíronse ao que acababan de contemplar coma un bólido ou meteorito.

Desde a Axencia Estatal de Meteoroloxía explicaron ao 112 Galicia que se tratou dun fenómeno atmosférico pouco frecuente, moi luminoso e que se desintegrou ao entrar en contacto coa atmosfera.

Desde a Rede de Investigación de Bólidos e Meteoritos (SPMN) informan que tratouse dun superbólido rexistrado sobre Estremadura e o Norte de Portugal que transformou a noite en día e deixou un ronsel persistente. Púidose observar en Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade de Madrid, Comunitat Valenciana, Estremadura e Galicia.

En palabras do seu coordinador, o astrofísico Josep Trigo, “foi un bólido de orixe cometario nunha traxectoria bastante rasante que se estendeu sobrevoando Cáceres ata Porto”. O bólido alcanzou a Terra a unha velocidade duns 45 km/s. Aínda desde a distancia de > 600 km o bólido transformou a noite en día. Miles de persoas puideron ver o bólido e o ronsel persistente que deixou antes de extinguirse a unha altura de 55 km s.n.m. sobre o Atlántico.