Reclaman a retirada da simboloxía fascista nos concellos do Val Miñor

Rebeldía Galicia e os Círculos de Podemos no Val Miñor veñen de presentar unha moción nos seus respectivos concellos reclamando a retirada das pegadas fascistas aínda vixentes no seu territorio, ademais de propostas para a conservación e divulgación da memoria histórica no país. A iniciativa, realizada en colaboración con Podemos Galicia cando se conmemora o noventa aniversario da proclamación da II República, inclúe a exposición nas rúas das biografías dos fascistas homenaxeados por esa simboloxía, coa intención de crear conciencia colectiva. “A intención non é borrar a historia, senón reparala con verdade, memoria e xustiza”, subliña Aitor Neira e Tamara Deza, voceiros de Rebeldía Galicia. “A sociedade ten unha gran responsabilidade colectiva coa historia para que non se volva a repetir. Por iso, sentímonos na obriga de pedir hoxe aquí unha cousa moi sinxela: que se cumpra a lei”.

A Lei 52/2007 de 26 de decembro, chamada Lei de Memoria Histórica, dita no seu artigo 15.1 que as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, serán as encargadas de tomar as medidas oportunas para a retirada de simboloxía ou honores de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, a Guerra Civil ou a Ditadura.

Segundo os datos que puido recadar Rebeldía Galicia, a comunidade autónoma conta na actualidade con arredor de 200 símbolos que conmemoran a persoeiros que foron claves, importantes ou destacados no período escuro da sublevación, na Guerra Civil ou na Ditadura: rúas, retratos, distincións honoríficas (entre as cales se atopan Fillos Adoptivos, Fillos Predilectos, medallas de ouro, medallas de prata, medallas de bronce, medallas ao mérito e Alcaldes Honorarios), escudos, placas, monumentos e grupos de vivendas e centros de ensino.

A memoria é un pilar fundamental da saúde democrática dun territorio, mais en Galicia semella estarse a desvanecer ante as novas xeracións, que medran totalmente alleas ao pasado; cando é precisamente a mocidade a encargada de conservar, coidar e construír a memoria dende a verdade. Por iso Rebeldía Galicia entende que deben ser os máis novos quen leven a iniciativa para que se cumpra a Lei de Memoria Histórica no territorio galego, catorce anos despois da súa entrada en vigor.