Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas exerce de anfitrión na Copa de España e segue de líder en Alacante

Este domingo o Vigo-Rías Baixas organiza a última proba da Copa de España Elite e Sub-23, pero tamén estará moi pendente do que suceda a máis de 1.000 quilómetros de distancia. Ao día seguinte de adxudicarse a xornada inaugural, Tomás Miralles resistiu como líder este sábado na etapa raíña da Challenge Alacante Interior. O gran traballo colectivo da estrutura presidida por José Luis Chamorro permitiu ao portador da camisola azul continuar á fronte da xeral e facer segundo na cima do Alto do Reconco.

“O equipo estivo de dez”, resume Miralles despois de que a formación dirixida por Paula Sanmartín respondese con éxito a todos os ataques que recibiu nun percorrido de 144 quilómetros, con seis portos de montaña e máis de 2.500 metros de desnivel acumulado. “Sabiamos que ía ser complicado e nos primeiros 80 quilómetros os meus compañeiros fixérono de cine para controlar a escapada”, sinala o líder.

Os movementos de lonxe dos equipos que aspiraban a derrocar ao corredor alacantino non sorprenderon ao conxunto olívico e o seu xefe de filas nesta Challenge pasou á acción na parte final do itinerario. Miralles apunta que primeiro Iván Díaz “levou moi ben a carreira entre porto” e despois “o de Eusebio Pascual foi para sacarse o chapeu”, en referencia ao labor realizado polo ex profesional para reducir a diferenza da fuga a 1 minuto antes de empezar a subir o último porto.

Esa ascensión ao Alto do Reconco, de 1ª categoría, Miralles xestionouna con mestría. Regulou os esforzos para non perder a referencia visual da cabeza de carreira e mesmo gozar de opcións de vitoria ata os últimos metros. Finalmente, Marc Cabedo impúxose por 4 segundos de vantaxe e o líder conservou por 7” o primeiro posto da xeral. “Se o mantivemos foi polo gran traballo de todos”, insiste o alacantino, que está a ser profeta na súa terra.

A Challenge Alacante Interior conclúe este domingo con outra etapa repleta de subidas. En 110 quilómetros contabilízanse catro portos e o repeito non puntuable onde estará situada a meta en Alcoi. Miralles volverá ser o corredor para bater.

COPA DE ESPAÑA

Se falamos de dureza, aínda máis vai ofrecer a Vigo Copa España. A carreira que na súa cuarta edición estrea chegada no Monte do Castro, en pleno corazón da cidade, serve o trazado máis espectacular do calendario Elite e Sub-23 con 180 quilómetros e seis portos, entre eles, A Groba e o Aloia, ambos de 1ª categoría. O colofón do certame estatal poñerase en marcha ás 10:45 horas na Praza do Rei e poderá seguirse en directo a través de SportPublicTV.

Este sábado disputouse en Padrón a penúltima cita puntuable da Copa de España e o Vigo-Rías Baixas subiu ao podio. O británico Owen Lightfoot, que rodou fuxido, anotouse os Sprints Especiais. Dylan Jiménez, no posto 24º, foi o mellor clasificado dos pupilos de Jesús Blanco Villar, e no mesmo grupo que o costarriqueño terminaron Pelayo Alonso e Juan Pablo Sossa.