Nigrán propón un concurso de ideas para remodelar a Avenida Castelao

O Concello de Nigrán ten un novo reto: transformar a Avenida Castelao nun espazo amable e de referencia en canto a mobilidade sostible. Baixo esta premisa vén de convocar o seu primeiro concurso de ideas con xurado con premios de 10.000 €, 4.000 €, 3.500 € e 2.500 € aos catro primeiros clasificados. Como requirimentos, o orzamento máximo de execución material non deberá superar 1.439.900 € e o prazo de presentación de propostas remata o 17 de xuño. O obxectivo final é que esta vía que conecta o núcleo de Nigrán (practicamente desde a Casa do Concello) con Praia América/Panxón, se reconverta nunha conexión prioritaria para todos aqueles que desexen desprazarse a pé ou en bici á praia de xeito totalmente seguro, tal e como o Concello vén defendendo desde o “Plan Local de Mobilidade Sostible Vía-Bici” e tamén a través do colectivo de expertos da comarca “Resiliencia”.

“Queremos transformar a Avenida Castelao para que sexa un espazo agradable e sostible no que peóns e ciclistas se sintan totalmente seguros e cómodos á hora de desprazarse á praia, como xa sucede no núcleo de A Ramallosa con sendas cara Praia América. Ademais, esta rúa ten unhas beirarrúas en moi mal estado, os dous carrís resultan demasiado estreitos cando hai coches estacionados e constantemente se están rexistrando avarías no abastecemento e saneamento, polo que é o momento de renovala por completo, como fixemos con Otero Pedrayo”, indica o alcalde, Juan González.

A proposta gañadora servirá de base para a redacción do conseguinte proxecto (establécense 11.837 € en honorarios para o proxecto básico e 23.675 € para o de execución) e, en todo caso, o xurado seleccionará aquela que lle outorgue a máxima melloría funcional, o que implica a existencia de accesibilidade universal, senda ciclable, total seguridade viaria, gran calidade ambiental e paisaxística, unha boa estratexia de conexión no cruzamento da PO-325, elementos de ecodeseño, eficiencia enerxética…

“Son os expertos os que materializarán todas estas premisas, os técnicos nos darán solucións; cremos que esta é a mellor fórmula e por iso desde a Concellería de Vías e Obras que dirixe Rubén Rial se impulsou este concurso de ideas e repetiremos a fórmula xunto ao Colexio de Arquitectos para o futuro pavillón de Porto do Molle”, sinala o rexedor.

O goberno de Nigrán mantén como obxectivo deste mandato que a bicicleta sexa o gran referente da mobilidade sostible no municipio. Se anteriormente se estableceu o Nigranbus (unha liña de autobús intramunicipal que se achega ás parroquias do interior), diversas facilidades para os vehículos eléctricos como electrolineiras gratuítas ou a creación de parkings disuasorios; agora o reto é fomentar os desprazamentos en bicicleta polo municipio empregando vías compartidas que outorguen as máximas garantías de seguridade. “Apostamos por unha mobilidade amable, segura, limpa, económica, saudable e compartida”, indica González, quen, precisamente, por este motivo, creou a Concellería de Desenvolvemento Sostible que dirixe Roberto Garrido e a de Accesibilidade con Estela Pérez ao fronte. “Queremos implantar unha nova cultura da mobilidade, con solucións innovadoras, alcanzables e que reducen as emisións e iso é o que buscamos neste concurso de ideas”.

“Empezamos facilitando os desprazamentos desde os diferentes núcleos cara a praia, pero o plan é ambicioso e estamos convencidos de levalo adiante porque queremos seguir dando pasos de cara a un Nigrán amable coas persoas e co medio ambiente nun contexto de crise climática. Ademais, forma parte das nosas iniciativas de cara a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible desde o local”, resume o alcalde, quen defende o uso da bicicleta tamén en termos de “habitabilidade, saúde, medio ambiente, equidade e sociabilidade”.