Alberto Meira e Ezequiel Salgueiro adxudícanse a vitoria no San Froilán

O Rallye San Froilán resultou redondo para o equipo AMF Motorsport, ao que se chegaba con moitas novidades, tras a recente adquisición do Škoda Fabia R5 e a incorporación de Ezequiel Salgueiro, que substituía a José Murado no backet da dereita debido a outros compromisos deportivos para o de Forcarei.

O certo é que a adaptación ao bólido checo foi moi rápida, e en todo momento Alberto Meira atopouse moi cómodo, firmando o primeiro scratch da proba. A partir de aí, comezou unha espectacular batalla durante toda a matinal onde o piloto gondomarense defendeu contra vento e marea o liderado, nunha auténtica batalla a catro bandas. Ata a sexta especial, a vantaxe de Meira a fronte da proba non superou en ningún momento os catro segundos, pero ía ser no primeiro paso por Láncara, onde dese un golpe encima da mesa para escaparse con máis de 14 segundos de renda a falta da última sección nocturna.

Meira e Salgueiro aguantaron ben a presión durante os dous últimos tramos, asinando cronos próximos ao scratch para adxudicarse a primeira vitoria da tempada, que dá ao equipo AMF Motorsport unha inxección de moral cun vehículo moito máis competitivo.

O piloto de Vincios resumía así o seu triunfo: “Mellor resultado imposible, saír a un rallye cun coche co que nin sequera fixeramos test e gañalo, liderando de principio a fin. Saíu todo ao pedir de boca, o equipo traballou moi ben, axustando o coche cuns regraxes para ir cómodos desde o principio, así que toca felicitar a todo AMF Motorsport, a Ezequiel e aos nosos patrocinadores. Agora toca pensar na próxima carreira e na tempada 2022”.

Seguindo co carrusel de probas neste treito final de certame, o Rallye Ribeira-Ría de Arousa pechará a tempada rexional, onde o equipo AMF Motorsport estará presente, o 13 e 14 de novembro.