O mozo que causou un accidente mortal en Gondomar conducía a 200 km/h

O Xulgado de Instrución Nº 8 de Vigo finalizou a instrución acerca do accidente mortal sucedido en setembro de 2016 en Gondomar, no que perdeu a vida un mozo, e dispuxo continuar a tramitación de dilixencias pola vía do procedemento abreviado, nun auto no que mantén que o condutor do coche que provocou o sinistro circulaba a 200 km/h nunha vía coa velocidade limitada a 50 km/h.

O maxistrado expón no auto que sobre as 7:00 horas do 18 de setembro de 2016 o mozo B.V.N., investigado nesta causa, conducía un vehículo Mercedes Clase A pola PO-340, á altura do termo municipal de Gondomar, facéndoo a unha velocidade aproximada de 200 km/h, tras consumir varias doses de alcol, de tal maneira que perdeu o control saíndose da calzada pola marxe esquerda chocando contra un muro e regresando á vía.

Xunto a el, viaxaban no vehículo outros catro novos que resultaron feridos de diversa consideración. Entre eles, o ocupante do asento central traseiro e que probablemente non facía uso do cinto de seguridade, JL.P.V., de 25 anos de idade, que saíu despedido sufrindo politraumatismos que lle causaron a morte ás 11:00 horas do 21 de setembro.

O xuíz establece que as dilixencias deben tramitarse agora polo sistema de procedemento abreviado, por se os feitos imputados a B.V.N. fosen constitutivos dun delito de condución temeraria cun delito de homicidio por imprudencia.

Agora, o Ministerio Fiscal e as acusacións particulares acudidas, poden solicitar no prazo de 10 días a apertura do xuízo oral formulando escrito de acusación ou o sobresemento da causa, ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias.

Anuncios