O alcalde de Nigrán acude como presidente do Fondo Galego ao Foro de Cooperación da Lusofonía

O alcalde de Nigrán, Juan González, asiste esta semana en Santo Tomé e Príncipe ao IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía en calidade de presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade coorganizadora deste evento que leva por título “Gobernanza local para o desenvolvemento sostible”. Igualmente, o Concello de Nigrán e de Gondomar (está tamén o seu rexedor, Francisco Ferreira) expoñerán exemplos de boas prácticas ambientais xunto aos municipios galegos de A Laracha, Allariz e Burela. O encontro financiado pola Xunta de Galicia neste arquipélago africano “Reserva Mundial da Biosfera” busca promover o intercambio de experiencias na xestión municipal, incrementar o coñecemento sobre a realidade do Sur Global e fomentar alianzas internacionais. Aínda que previsto desde o día 23 ao 26 de outubro en Príncipe, está a desenvolverse ata o de agora en Santo Tomé debido a unha incidencia nas conexións aéreas que impide á delegación galega e internacional (Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Brasil, España e Portugal) voar á devandita illa veciña. Así, o secretario xeral de Finanzas do Goberno Rexional do Príncipe, Verdigal Mendonça, recibiu en Santo Tomé a estas delegacións para dar pasos de cara á constitución formal da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS), co fin de poñer en marcha proxectos de envergadura que contribúan ao cumprimento da Axenda2030 nas localidades galegas e nos países de lingua oficial portuguesa.

“Os municipios somos quen de liderar proxectos de cooperación internacional, ben a través do Fondo ou tamén mediante convenios directos. En Nigrán, como concello e tamén a través da Mancomunidade do Val Miñor, o temos feito cos campamentos de refuxiados saharauís e ampliaremos estas axudas a outras rexións; vimos aquí precisamente a concretar iso”, explica o alcalde e presidente do Fondo, Juan González. Ao mesmo tempo, como representante de Nigrán, expoñerá nestas xornadas exemplos de boas prácticas ambientais no municipio e que anteriormente coñeceu de primeira man o presidente de Illa do Príncipe. Entre elas, figuran a liña de autobús intramunicipal “Nigránbus” como vertebrador da localidade (ODS 11.2: achegar acceso a sistemas de transporte seguros, alcanzables, accesibles e sostibles para todos); as axudas ás comunidades de augas (ODS número 6, auga e saneamento para todos) ou o futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas (ODS 15: protexer, restablecer e promover o uso sostible dos ecosistemas terrestres). Igualmente, na mesa baixo o título “Desenvolvemento sustentable e turismo”, González exemplificará como un municipio de 18.000 habitantes (Nigrán) ten que adaptar os seus servizos a 60.000 persoas na tempada estival.

Novas vías de cooperación

São Tomé e Príncipe non é considerado país prioritario pola Cooperación Española pero si polo Fondo Galego que, de feito, no mes de setembro recibía a visita do presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Filipe Nascimento. O cacao é o cultivo principal en São Tomé e Príncipe e representa máis do 60% das exportacións do país, seguido polo café e os cereais. Á agricultura básica únese a pesca artesanal, aínda que a actividade que máis contribúe ao PIB é o pequeno comercio, nun 30%. O turismo é tamén un sector en auxe nesta antiga colonia portuguesa, que acadou a independencia en 1975 e que actualmente é unha república democrática. En canto ao Índice de Desenvolvemento Humano, São Tomé e Príncipe sitúase no posto 138º de 191 países. Dos seus 223.364 habitantes, o 66% viven en situación de pobreza e un 25% de pobreza extrema. Presenta, no entanto, unha alta taxa de alfabetización, que chega ao 93%.

Cooperación Municipalista da Lusofonía

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, celebrado os días 12 e 13 de novembro de 2019 en Santiago de Compostela, culminou cos primeiros pasos para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Representantes de Galicia, Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde e máis São Tomé e Príncipe participaron no encontro organizado polo Fondo Galego. Froito do mesmo, púxose a primeira pedra para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Entre as súas metas estaría fomentar o diálogo e aprendizaxe mutua entre os gobernos municipais, establecer relacións de colaboración para incrementar a eficacia e innovación nos proxectos de cooperación internacional e posibilitar a posta en marcha de iniciativas comúns en sintonía cos ODS. A partir de aquí, avanzaríase nas sucesivas fases para constituír formalmente a rede e dotala de contido. No encontro aprobouse asemade a declaración “Solidariedade alén da lingua”, que pon en valor o papel chave dos municipios na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.