Sin categoría

O PP oponse a financiar con diñeiro público autobuses lanzadeira para o Espazo Fest

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz María José Pino, manifesta a súa incredulidade ante a noticia da posta en marcha por parte do Concello de Nigrán de autobuses lanzadeira para asistir ao concerto do grupo americano Wilco no Pazo de Urzáiz.

Desde o grupo municipal de Nigrán viñéronse apoiando todas e cada unha das actividades culturais celebradas no municipio, xa sexan promovidas desde o sector público ou privado, pois se consideran un importante reclamo para o turismo e a diversificación da oferta cultural e de lecer.

Con todo, Pino lembra que o concerto do que trata a cuestión está organizado por unha empresa privada, a cal cobra unha entrada aos espectadores que ascende a 38 euros a máis económica. Debido a isto, desde o Partido Popular de Nigrán considérase que o transporte destinado a asistir ao evento debería correr a cargo da empresa organizadora do mesmo, e non cargar o custo a todos os veciños e veciñas de Nigrán, vaian asistir ou non ao concerto.

Finalmente, os populares queren lembrarlle á corporación socialista de Nigrán que, como se vén publicando durante os últimos días, xa se venderon máis de 3500 entradas para o concerto, polo que é esperable que se produzan problemas de circulación e de limpeza, tanto durante como despois do evento, “polo que se roga ao alcalde Juan González que se anticipe a posibles problemas e non teñamos que ver novamente imaxes bochornosas como as ocorridas tras a noite de San Juan e do Reggaeton Beach Festival”.