O PP de Gondomar solicita un pleno extraordinario para debater os soldos do goberno local

O Partido Popular presentou por rexistro unha solicitude de pleno extraordinario para tratar o salario do alcalde e dos concelleiros con dedicación exclusiva que Ferreira adxudicou por decreto. O dez de xullo o alcalde asinou por decreto o seu soldo de 50.000 euros anuais, catro dedicacións exclusivas de 32.000 euros para os concelleiros Iria Lamas, Nuria Lameiro, Brais Misa e Rocío Goberna, e unha dedicación parcial de 16.000 euros para José Manuel Chamorro. Fronte a isto o Partido Popular xa presentou un recurso de reposición o pasado mes de xullo que segue sen ser contestado polo alcalde. Ante esta actitude, que Paula Bouzós e o seu grupo consideran abusiva e ditatorial, “demostrando a nula capacidade de Ferreira para a negociación e poder chegar a acordos e consensos”, o Partido Popular fai uso das ferramentas democráticas que ten para levar a pleno o asunto dos soldos.

“No pleno de organización celebrado o pasado 1 de agosto, o meu grupo abandonou a sesión plenaria ante a negativa do señor alcalde a debater no punto de dación de conta dos decretos polos que se adxudicaba o seu soldo e os do seu grupo. Despois de analizar as posibilidades que tiñamos para que o asunto fose debatido no pleno decidimos presentar esta solicitude de pleno extraordinario, que aínda que sabemos que non o vai convocar o terá que facer a secretaria no prazo que establece a lei”, argumenta Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.

No escrito presentado piden que o pleno acorde a nulidade de pleno dereito dos decretos de alcaldía de adxudicación dos soldos do alcalde e dos concelleiros con dedicación e a modificación da base de execución 25ª do orzamento municipal situando o soldo do alcalde en 40.000 euros, unha dedicación exclusiva de 30.000 euros e dúas dedicacións parciais de 15.000 euros. Desde o Partido Popular estiman que estas dedicacións son suficientes para xestionar eficazmente o concello. Recordan que na lexislatura pasada o alcalde xustificou todas as dedicacións que agora adxudicou por decreto, argumentando que eran necesarias para quitar adiante asuntos importantes para os veciños de Gondomar, como o Plan Xeral, o Polígono de A Pasaxe, o saneamento, etc., “e o resultado non foi o esperado, engadindo a maiores o abandono das parroquias”.