Anuncios
Ticker de novas

A Concheira iza a bandeira azul por primeira vez na súa historia

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Izado da bandeira azul na Concheira.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, izaron este sábado a primeira bandeira azul que logra a praia da Concheira na súa historia. Trátase dun dos catros galardóns que recibiu este ano, posto que este 1 de xullo tamén foron izadas as bandeiras nos areais da Ribeira, A Barbeira e Os Frades, todos eles nun radio de apenas un quilómetro da península de Monte Boi.

Acompañados polos responsables dos socorristas, que tamén hoxe comezan a traballar nas praias do Val Miñor, o rexedor e a edil visitaron a praia da Concheira para pasar revista aos servizos que se poñen en marcha coa chegada da tempada estival. “Este acto simbólico de izado da bandeira é moi importante para Baiona, posto que estamos no lugar onde comezou a historia do noso turismo, cando existía na zona un balneario, e agora damos un paso máis adiante no turismo de calidade que queremos ofrecer aos nosos veciños e visitantes”, explica.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac) concedeu a súa distinción de bandeira azul ás praias de Barbeira, Os Frades, A Ribeira e A Concheira, ademais de premiar tamén co mesmo galardón ao Monte Real Club de Yates e ao Porto Deportivo de Baiona. Desta forma a Vila logra o maior número de areais premiados e por primeira vez na súa historia logra unha bandeira azul para A Concheira. Ademais, Baiona tamén renovou o galardón para o seu sendeiro litoral.

O pasado 19 de xuño, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asistiu no Monte Real Club de Yates á entrega dos premios aos 38 municipios galegos que acadaron a distinción que entrega a Adeac.

Tanto os catro areais premiados como a praia da Ladeira contan tamén desde este sábado con servizo de socorrismo. “No ano 2015 tivemos dúas bandeiras, en 2016 recibimos tres e agora logramos as catro que rodean a Fortaleza, ademais das dúas dos portos deportivos. Sen dúbida é un premio moi importante para todos os traballadores municipais que durante todo o ano miman con moito cariño as nosas praias para que estean sempre nas mellores condicións”, sinalou a responsable de Medio Ambiente, María Iglesias.

Os servizos nas praias completaranse nos vindeiros días coa instalación dos quioscos de verán, logo de que un total de dez empresas presentaran catorce ofertas para traballar en catro dos areais baioneses durante os próximos meses.

Anuncios