A Deputación axiliza as subvencións para o deporte náutico e para o deporte federado de ámbito nacional

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases das subvencións para o apoio a clubs deportivos federados de deporte náutico e para clubs deportivos federados que participen en categoría nacional. En rolda de prensa Carmela Silva resaltou que “axilizamos a publicación destas dúas liñas de axudas para que os clubs deportivos poidan ter o antes posible recursos para enfrontarse á complicada situación derivada da crise da Covid-19”. Tamén subliñou que “na Deputación estamos facendo un esforzo para poñer recursos nas mans do deporte da provincia de Pontevedra, así, con estas axudas, sumadas as xa aprobadas, estamos a falar de 3 millóns de euros a disposición do noso deporte”.

En canto ao deporte náutico esta liña de axudas está pensada para clubs federados nas modalidades de remo, vela e piragüismo, para a temporada deportiva 2019-2020 e, no seu caso, a temporada 2020. Estas subvencións teñen un orzamento de 500.000 euros, ao igual que o ano pasado, cando beneficiáronse 52 clubs de 22 concellos da provincia, dos cales 27 eran de piragüismo, 17 de remo e 8 de vela.

Pola súa banda, en canto ás subvencións para o apoio a clubs deportivos federados que participen en categoría nacional ten un orzamento de 775.000 euros. O ano pasado, co mesmo orzamento, beneficiáronse desta liña de axudas 75 clubs de máis de 10 modalidades distintas e de 21 concellos da provincia.

Silva explicou que “debido a situación que estamos a vivir optamos por reducir o prazo de presentación de solicitudes de 30 a 15 días co fin de que poidan recibir as axudas o antes posible e tamén a flexibilización da xustificación da computación dos gastos de quilometraxe entendendo os prexuízos que crea o parón das competicións”.