Manifesto Miñor demanda unha beirarrúa na estrada de Telleiro á Esparela en Borreiros

Manifesto Miñor presenta unha moción ao vindeiro pleno para que se atenda a demanda dos veciños de Borreiros de crear unha beirarrúa/beiravía que lle dea seguridade aos peóns na estrada municipal que vai dende O Telleiro á Esparela. Asemade, e para lle dar cobertura orzamentaria á redacción do proxecto, tamén presentan unha emenda á modificación de crédito que vai a pleno no sentido de consignar unha partida para a redacción do correspondente proxecto técnico, estudos, etc…. “En resumo para que o Sr. Alcalde cumpra coa promesa feita aos 700 veciños que llelo solicitaron por escrito hai varios anos”, sinala Antonio Araújo.

“Se coas chamadas humanizacións, tal como nos contan, seica teñen por obxecto gañar os espazos urbanos para as persoas e eliminar coches das vilas e cidades, é dicir, axudar á descarbonización do Planeta eliminando CO2. É por iso que non se entende que diante dunha petición veciñal para poder andar a pé pola súa parroquia sen poñer en risco as súas vidas, o Concello faga oídos xordos mentres gasta millóns de euros de dubidoso beneficio humanizador no centro da Vila. A non ser que o goberno municipal entenda que os coches que circulan polas parroquias non producen CO2 e que as persoas que viven nas parroquias son veciñas de segunda división. Velaí a diferenza entre as necesidades reais que demandan os veciños e a política de escaparate que se practica na Vila”, lamenta Araújo.

Manifesto Miñor recorda que 700 veciños e veciñas da parroquia de Borreiros hai anos que reclaman unhas beirarrúas ou beiravías seguras para poder moverse a pé pola estrada municipal que comeza no Telleiro e remata na Esparela, xunto á Ponte da Ramallosa. “Así llelo prometeu o Sr. Alcalde, que a día de hoxe co mandato rematado, nin sequera fixo o proxecto nin unha simple memoria valorada das obras. Ese é o motivo da nosa moción: as promesas hainas que cumprir e non vender fume enganado á veciñanza. Manifesto Miñor solicitaremos no vindeiro pleno deste mes a aprobación da contratación do proxecto técnico e os estudos necesarios para realizar esas obras, e asemade nesa mesma liña presentamos unha emenda á modificación orzamentaria que tamén vai ao mesmo pleno, para dotar de orzamento a redacción do devandito proxecto por un importe de 15.000€”, conclúe Araújo.