En Mañufe, o tradicional e moderno fúndense polo Nadal

Os oasis de luz espallados pola comarca son sinónimo da intensidade coa que se vive o Nadal, pero en Mañufe, Gondomar, algo pasa con estas festas que parece que contaxian. Miguel e Tamara son un claro exemplo diso e un ano máis as coreografías luminosas ao ritmo da música volven reinar no seu xardín como unha institución. Esta parella inclínase polo tecnolóxico e así transmiten o seu espírito, pero despois hai outros que baixan pola tradición con valor. Se non que llo digan aos veciños da Texosa en Gondomar, que á mínima aproveitan a ocasión para facer de calquera data unha festa sinalada.

Como reza o dito, “compartir é vivir” e así fan con todo, comidas, ceas ou tardes ata o punto que o acaban convertendo en costume. Pero se hai que falar dunha, a que leva a palma é a do Nadal. Aquí é cando levan á súa máxima expresión a filosofía que invade todas e cada unha das vivendas situadas nunha rúa que por situación ou por dimensións pasaría completamente desapercibida se non fose polos seus residentes. Ángela Vilar Palma e Mari Carmen Villar Fernández asumen o papel de embaixadoras da veciñanza, e ensinan con orgullo o camiño que comunica as súas casas iluminadas con luces maiores en antigüidade ás da febre viguesa por enchelo todo de leds. O rechamante pasa a segundo plano, o que máis lles importa é a calidez da súa decoración e a verdade que non teñen nin idea de cantas lámpadas teñen, moi convencidas aseguran que tampouco teñen pensado contalas. Están secundadas por Noelia, Ana, César, Manolo, Jose, Iván, Suso, Juan “Floqui”, Marisa, “Parrula”, Carmen, Sonia e o seu fillo Jonathan, ademais dalgún que probablemente se quedou atrás como os maiores do grupo que chegada unha hora retíranse para protexerse do frío ata superar a vintena. Entre todos contribúen a converter a súa rúa nun templo do Nadal, que este ano estrea cortinas lumínicas e unha cabina tipo “London”, feita por un bo amigo que resgarda das inclemencias un teléfono antigo e unha pequena árbore con bólas de cores. O seu “elenco” complétao, entre outros elementos, unha casiña de Papanoel, un boneco de neve, velas, uns bancos corridos de madeira que utilizan para sentar durante as festas, a caixa de correos ou un tren, todo feito a partir de materiais reciclados. Das cornixas saen unhas tiras de grilandas luminosas que algunhas zigzaguean de casa en casa e un pouco máis aló unha árbore de leds de cinco metros de altura.

O despregamento está presidido por dous elementos que para eles gardan un gran valor simbólico porque a súa tradición comezou cun cartel austero que desexa un “Bo Nadal” e un piñeiro de varios metros de altura adornado con lámpadas. Na súa base, os nenos desta zona recollían os seus agasallos fai trinta anos, os mesmos que agora contribúen a manter este costume que comeza a organizarse nada máis acabar o verán. Ángela encárgase de recadar fondos, organizan, entre outras actividades, sorteos vendendo rifas axudada por Mari Carmen que é “a das ideas”. De feito xa ten algunha para o próximo ano aínda que non quixo desvelala porque di que así se mantén a maxia. Os gastos de luz, aínda que admiten son baixos, compártense conectando a partes iguais e por tramos todo o lucerío. Aínda así a subida na factura levoulles a tomar a decisión de apagalas despois das 12 cando antes permanecían en funcionamento ata antes do amencer.