Baiona fai balance dos danos provocados polas intensas choivas

O Concello de Baiona sufriu nos últimos días as consecuencias das intensas choivas e as adversidades meteorolóxicas, rexistrando danos de consideración nalgunhas infraestruturas públicas. Destacan os danos rexistrados nun tramo do paseo fluvial da parroquia de Baredo, no paseo fluvial do Burgo e nun dos muros de contención da ex Colexiata de Santa María de Baiona. No paseo fluvial de Baredo, as intensas choivas arrincaron máis de 50 metros da pasarela de madeira.

“Nestes casos, xa están en marcha os proxectos de rehabilitación, xa que están outras administracións implicadas e son necesarias diferentes autorizacións sectoriais para proceder ás actuacións”, explica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado. En concreto, no caso dos paseos fluviais é necesario contar cos informes correspondentes de Augas de Galicia, mentres que no caso do muro da ex Colexiata hai que informar previamente á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

As intensas choivas provocaron tamén outros danos na rede de estradas da vila e en diferentes beirarrúas. O Concello leva xa días traballando en arranxos e limpezas nas que son de titularidade municipal, realizando xa tamén as correspondentes xestións nas estradas que son da Deputación de Pontevedra.

“Foron choivas torrenciais que provocaron decenas de incidencias e nalgunhas zonas da comarca do Val Miñor inundacións moi serias, polo que as administracións temos que reaccionar rápido para buscar solucións o antes posible e atender as demandas dos veciños”, engade o alcalde de Baiona.