“O alcalde gástase preto de 8.000 € dos veciños nunha revista de autobombo”

O Partido Popular de Baiona critica nun comunicado que o alcalde, o socialista Carlos Gómez, pagou “co diñeiro de todos os baioneses” unha revista de “autobombo” que lle custou 7.780 euros, entre edición e repartición das 5.000 copias contratadas. “Lonxe do que o rexedor explicara nun primeiro momento para xustificarse, non se trata dun xornal informativo da actualidade municipal senón dun boletín partidista resumen de toda a lexislatura cunha clara intención electoralista”, aseguran desde o PP.

“Tan está claro que os seus propios socios de goberno, o BNG, mostraron o seu malestar por utilizar diñeiro público para encomiar as accións das concellerías gobernadas polos socialistas e ocultar aquelas xestionadas polos nacionalistas e NOS. É evidente que no tripartito non hai comunicación e que o Sr. Gómez avergóñase dos seus compañeiros”, opinan desde o grupo municipal do PP, que onte preguntaron por este asunto no pleno ordinario correspondente ao mes de decembro.

Os baioneses quedan sen calendario

Para os populares trátase dun novo despropósito do alcalde de Baiona “ao que non lle importa en absoluto lapidar o diñeiro dos seus veciños no seu propio beneficio”. É máis, en 2023 os baioneses non terán nos seus domicilios o tradicional calendario, con gran aceptación veciñal, que desde hai case dúas décadas repartía o Concello de forma gratuíta a través dos propios operarios municipais “porque Carlos Gómez destinou esa partida económica a esta revista de publicidade encuberta do PSdeG”.