Couso propón regalar espazos de bosque este Nadal

A iniciativa que hai agora un ano presentouse desde Couso como o único bosque de temática cultural de 40.000 metros cadrados de toda Galicia segue buscando fórmulas para seguir recadando fondos que lles permitan finalizar o proxecto. Para este Nadal propoñen regalar “natureza” en forma de contribución á causa bautizada como o “Bosque da Lingua”. Deste xeito o interesado poderá deixar os datos da persoa á que queira facer un agasallo como achega e esta recibirá produtos da Comunidade de Montes en Man Común en función do importe.

A máis doazón máis recompensas, que as máis económicas van desde unha mención e entrada a un concerto no recentemente construído anfiteatro, ou botes de marmelada de produción propia, un tronco inoculado con shiitake ou mesmo un espazo no “Bosque da Memoria” con acceso durante cinco anos á zona de baño para as de maior valor. A súa presentación en decembro de 2021 estivo aparellada á posta en marcha dun crowdfunding e a data de hoxe recibiron un total de 159 achegas traducidas en 9.280 euros dos 21.650 fixados como meta. O recadado permitiulles executar dúas das tres fases das que se compón a proposta e agora co auditorio ao aire libre construído e o seu poemario de códigos QR instalado queda por diante a parte máis custosa, a construción dunha zona de xogos infantís que completará o proxecto exposto no Monte das Raxas de Gondomar. “Componse dunha zona didáctica onde os nenos poderán facer contas ou crear sons ademais doutras actividades lúdico-educativas”, explica o presidente dos comuneiros de Couso, Xose Antón Araúxo.

O proxecto en execución ideado na parroquia gondomareña naceu froito do convenio entre comuneiros e a Asociación Verdeval e ten a peculiaridade de que busca a potenciación e coñecemento do galego vinculándoo a obxectivos ecosociais destinados a colectivos docentes e as distintas institucións que colaboren nel. Ao longo de todo o ano expoñen actividades artísticas en todas as súas vertentes con espazo para a ciencia ou o compromiso ecolóxico e contarán con diversos espazos, itinerarios, árbores literarias e de arte con QR, un mapeado do bosque ou sinalética, entre outras.