Xoel López e Iván Ferreiro primeiras confirmacións do Barbeira Season Fest 2023

O Barbeira Season Fest de Baiona anuncia as primeiras confirmacións da súa quinta edición, que se celebrará do 7 ao 11 de xuño do próximo ano. Para celebrar o seu quinto aniversario, a organización confirma a presenza de Xoel López e Iván Ferreiro, que subirán ao escenario xunto a outras bandas do panorama indie de dentro e fóra de Galicia. O Barbeira Season Fest continúa na liña que o caracterizou durante estes primeiros 5 anos de vida apostando por mesturar a artistas consagrados con bandas emerxentes que “tamén teñen o seu público e merecen o seu espazo”, comentan desde a organización.

Deste xeito, Xoel López e Iván Ferreiro compartirán cartel con outros grupos potentes tamén confirmados como Triángulo de amor bizarro ou a artista portuguesa Capicúa. Ademais, sumaranse a esta edición bandas como Margarita Quebrada, Xenia, Firmado Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación vudú, Tarde a todo ou Señora Dj. O Barbeira Season Fest rematará cunha festa de 5º aniversario cargada de sorpresas. O festival conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que impulsa os encontros en torno ao directo. As entradas xa están á venda na web do festival.

Un 5º aniversario de música e contido cultural

Como vén sendo habitual desde o seu nacemento, o Barbeira Season Fest organizará ademais accións vinculadas ao festival que servirán para conectar o certame con diferentes disciplinas culturais e un público máis diverso. Desta maneira, continuarán coordinando o éxitoso “Restaurante máis pequeno do mundo Rías Baixas”, comandado polo chef Rafa Centeno, e repetirán “con máis potencia, o ciclo “Charlas en chanclas” que tan ben funcionou o ano pasado”, aseguran. Desde a organización do Barbeira Season Fest, evento promovido por Elemental Street e Recados Carmen, adiantan que irán anunciando novas sorpresas a medida que se achegue a data da celebración, así como os eventos vinculados ao festival.