Gondomar presentará o seu xardín de Rosalía o 17 de decembro

Gondomar ultima a homenaxe a Rosalía de Castro na súa praza homónima asociando o herbario rexistrado no seu xardín co seu legado literario mediante un percorrido distribuído sobre tres temáticas diferenciadas, a tradición e cultura, a gastronomía e o feminismo. O espazo xa está case listo, inaugurarase na tarde do próximo 17 de decembro e cada zona contará co seu propio ambiente e especies recoñecidas no catálogo acompañadas dunhas placas de aceiro corten con fragmentos da súa obra.

A súa elección non foi tarefa fácil, para iso o Concello buscou a implicación das principais entidades culturais da comarca, ademais do visto e prace da propia Fundación Rosalía de Castro a través do seu presidente, Anxo Angueira. Así, e a través de varias mesas de traballo nas que estiveron presentes membros do Instituto de Estudos Miñoráns, de “Cantares do Brión”; o arquitecto encargado do proxecto, Pedro Souto; Espazo Lectura, o propio Angueira e Concello acordaron a sinalética e o enfoque da iniciativa multidisciplinar que se dará a coñecer nun acto que contará coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, así como os artífices da iniciativa e o alcalde Paco Ferreira. Leranse fragmentos do poemario da poetisa e a xornada rematará coa plantación dun camelio doado pola Administración provincial descendente do situado na “Casa da Matanza” en Padrón.

A disposición da Praza Rosalía de Castro permitirá realizar unha viaxe virtual por áreas servíndose dun código QR, que asociará cada árbore cunha relación de obras nas que aparece mencionado dentro dun mesmo tema. A iniciativa busca traspasar os límites das zonas verdes ao uso, onde o lecer se fusionará coa cultura a través do legado dun dos maiores expoñentes da literatura galega. Ferreira destaca a transversalidade do traballo realizado que posibilita abrir o abanico de usos do lugar. “É un espazo temático onde a cultura, a gastronomía e a igualdade únense a través de Rosalía e o seu patrimonio botánico. Permite un enfoque didáctico ideal para actividades de colexios e asociacións”, explica.

A redistribución da contorna próxima ao antigo matadoiro municipal foi posible grazas ao plan Reacpon que subvencionou os traballos ao 80% cun custo total 665.000 euros. O proxecto ten a peculiaridade de que restrinxe o acceso ao tráfico rodado. Ademais da área dedicada a cultura, a praza contará cos elementos típicos das zonas verdes como bancos, céspede, mobiliario urbano diverso ou unha zona de xogos infantil con camas elásticas.