O Ciclocrós Concello de Nigrán ZFV-Porto do Molle regresa este sábado

Por segundo ano consecutivo a Copa Galicia de Ciclocrós visita Nigrán. Este sábado o certame autonómico vivirá a súa undécima e antepenúltima xornada coa disputa do II Ciclocrós Concello de Nigrán ZFV-Porto do Molle. Ás 13:00 horas dará comezo o evento organizado polo Club Ciclista Coruxo.

A presentación da competición que terá como escenario o Parque Empresarial Porto do Molle celebrouse este mércores coa presenza de Juan González, alcalde de Nigrán; José Luis Sanromán, concelleiro de Deportes; Alberto Fernández, director da tenda de Decathlon en Nigrán; Pablo González, director de comunicación de Termavi-Grupo Davila; Alberto del Río, técnico da Federación Ciclismo Galego; José Vila, presidente do Club Ciclista Coruxo; Eva Rojas, vicepresidenta; e Jana Buba, tesoureira.

Despois da súa estrea a pasada campaña, esta cita regresa na semana máis intensa do calendario da Copa Galicia. Nun bloque de catro probas en seis días, as especialistas e os especialistas en ciclocrós chegarán a Nigrán tras medirse o martes en Boiro, o xoves en Outeiro de Rei e na véspera de pechar esta intensa semana en Ponteareas. Do mesmo xeito que o resto de xornadas do certame autonómico, a que terá lugar no Val Miñor tamén repartirá puntos para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

O programa de carreiras comezará ás 13:00 horas coa proba de Promoción para infantís. Media hora máis tarde arrancarán as categorías da Copa Galicia entrando en escena as cadetes e os cadetes. A continuación, ás 14:15 h., será a quenda das probas raíñas, Elite-Sub23 e Júnior, tanto feminina como masculina (Elite, Sub23, Júnior). Para as 15:30 h. está previsto o inicio dos grupos de idade Máster masculinos 30 e 50-60, e das Masters femininas. Por último, ás 16:20, competirán os Máster-40.

O Club Ciclista Coruxo deseñou un circuíto de 2.600 metros de lonxitude e que conta con dous tipos de obstáculos artificiais, unhas escaleiras e uns taboleiros. A organización recomenda aos participantes achegarse ata Porto do Molle con antelación á posta en marcha das carreiras porque a recente apertura do centro comercial Nasas Nigrán pode provocar pequenas retencións.