
Manifesto Miñor vén de presentar unha moción na que demanda que o conxunto de “Casa Peralba” sexa dedicado a usos sociais para debater no vindeiro Pleno deste mes de novembro. Segundo sinalan, os motivos son múltiples, pero basicamente teñen que ver coa defensa con feitos e propostas prácticas dunha sociedade máis igualitaria e tamén dotar o municipio de servizos que carece en toda a comarca. O texto da moción pide a adaptación e habilitación de “Casa Peralba” e das construcións auxiliares do conxunto que a compoñen para fins sociais: dúas vivendas tuteladas e un local para un punto de encontro familiar.
“A necesidade de vivendas tuteladas para que aquelas persoas que teñen algún tipo de discapacidade poidan mellorar a súa vida e sobre todo podérense integrarse na sociedade en condicións de igualdade, é evidente. Tan evidente como que é unha responsabilidade das institucións públicas de traballar a prol das mesmas e conseguir así unha sociedade máis inclusiva e igualitaria en dereitos para as persoas indistintamente da súa condición. Non é obxecto desta moción debater agora sobre as características técnicas que deben ter as vivendas tuteladas que se poidan construír no noso Concello, nin tampouco regulamentar o acceso ás mesmas, que en todo caso corresponderá aos técnicos municipais e aos servizos sociais”, sinala Rocío Cambra.
Outra prioridade urxente para Manifesto Miñor, derivada das novas necesidades que a sociedade actual ten, é a existencia en Gondomar dun “Punto de Encontro Familiar” que favoreza o cumprimento do réxime de visitas dos fillos menores daquelas parellas separadas cando existen desavinzas entre ambos. Trátase xa que logo, dun lugar neutral e cómodo para que os fillos poidan gozar da compaña do proxenitor non custodio ou de outro membro da familia tras a ruptura familiar.
“En Manifesto Miñor consideramos que agora o Concello de Gondomar ten posibilidades para lle dar cobertura a estas dúas importantes demandas sociais ao contar cun inmoble céntrico, accesible e ben comunicado como é o conxunto de Casa Peralba, que coas reformas e adaptacións pertinentes, pode cumprir os obxectivos aquí expostos. A maiores, cónstanos que non sería difícil conseguir as axudas ou subvencións doutras administracións para acometer as reformas necesarias, polo que consideramos que agora é o momento de poñerse a traballar nesta iniciativa”, apunta a concelleira.