
Catro de catro. O actual líder do CERA Recalvi non deu opción aos seus rivais e adxudicouse o scratch nos dous tramos a dobre pasada da primeira etapa do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas. No TC 1 Vigo-Nigrán empezou a poñer terra polo medio cos pilotos de cabeza, avantaxando ao segundo clasificado, Jorge Pérez, en cinco segundos e acabou a xornada cunha diferenza de 31.900 con respecto ao piloto de Salceda. Jorge Pérez seguiulle o ronsel nos tres primeiros tramos, nos que marcou o segundo mellor tempo, pero un problema mecánico no seu Škoda Fabia R5 na segunda pasada pola especial Gondomar-Porriño, fíxolle perder 16 segundos. Dese contratempo beneficiouse José Luis Peláez que conseguiu recortar distancias coa segunda praza, acabando a xornada terceiro a pouco máis de dous segundos do equipo Jorge Pérez-Miriam Vera.
A cuarta praza é de Manuel Fernández, que se mostrou moi regular durante toda a xornada marcando en todos os tramos o cuarto mellor tempo. Luis Vilariño concluíu quinto e por detrás del, completan a lista dos dez primeiros, os irmáns Vallejo, Óscar Palacio, Álvaro Muñiz, Albert Orriols e Jorge Cagiao. Entre os pilotos vigueses máis destacados, sorte dispar. Os irmáns Pais concluíron undécimos despois de sufrir un problema na caixa de cambios do seu Clio RS N5 mentres que Pablo Pazó, mostrouse moi competitivo aos mandos do histórico Talbot Sunbeam Lotus e acabou a xornada na décimo segunda posición.
Este sábado, segunda e última xornada
A segunda etapa do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas, componse de tres tramos a dobre pasada. A xornada arranca ás 10.08 da mañá en Ponte Caldelas; unha especial de 12,41 quilómetros. Desde alí os equipos desprazaranse ata Fornelos de Montes para afrontar o tramo máis longo deste “Rías” (15,31 quilómetros) e posteriormente afrontarán o TC7 de Salceda (10,37 km). Tres especiais que os equipos volverán percorrer a partir das 15 horas.
A cerimonia de entrega de Trofeos celebrarase na Rúa Policarpo Sanz de Vigo, ás 19.30 horas.