O Val Miñor inicia unha recollida de firmas en Defensa da Sanidade Pública e polo Reforzo da Atención Primaria

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, que forma parte de SOS Sanidade Pública de Galicia, iniciou este mércores no Centro de Saúde de Val Miñor (A Xunqueira) a recollida de sinaturas para presentar no Parlamento de Galicia unha proposición de Lei, a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular, en Defensa da Sanidade Pública e polo Reforzo e Fortalecemento da Atención Primaria. Esta campaña de recollida de firmas realizarase diante dos centros de saúde e nos respectivos mercadiños da comarca.

Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para Salvar e Fortalecer a Atención Primaria

A Consellería de Sanidade leva anos recortando a Atención Primaria e a Sanidade Pública para reducir gasto, desmantelar o sistema sanitario público e favorecer o privado. Ao mesmo tempo, o SERGAS é incapaz de planificar e xestionar a Atención Primaria, poñendo en risco a continuidade do sistema. A redución do persoal a menos da metade en moitos centros de atención, a prioridade pola consulta telefónica, as barreiras para contactar e conseguir cita, os peches de centros e PAC, etc., limitan o acceso á asistencia sanitaria e crean listas de espera inaceptables.

Na maioría dos Centros desapareceu a promoción, prevención, rehabilitación, a participación e o traballo comunitario, mentres que o persoal, ademais de estar sometido a unha situación de presión inaceptable, padece unas condicións laborais inestables e precarias, incompatibles cunha atención de calidade. Desde as Plataformas que integran SOS Sanidade Pública promovemos unha Iniciativa Lexislativa Popular para que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas para rescatar e fortalecer a Atención Primaria: incrementar e dimensionar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros e PAC pechados, dar participación á poboación e profesionais na planificación e xestión dos centros, e acabar coa precariedade laboral do persoal.

Queremos conseguir miles de firmas, abrir un debate social sobre a situación da Atención Primaria e as medidas necesarias para salvala e fortalecela, e manter as mobilizacións de protesta contra o seu desmantelamento en tódalas localidades de Galicia. E porque sobran os motivos, convidamos á cidadanía de Val Miñor a participar masivamente no apoio a esta Iniciativa Lexislativa Popular.

Plataforma en Defensa da Sanidade de Val Miñor