Baiona avaliará as ofertas para reformar o Paseo Pinzón a próxima semana

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Unha parella pasea por unha das zonas afundidas pola erosión do mar.

Á reforma do paseo Pinzón de Baiona saíulle unha ducia de pretendentes e cinco deles presentaron unhas ofertas tan vantaxosas que de entrada incorreron nunha “baixa temeraria”. Entre o luns e o martes da semana próxima a mesa de contratación reunirase xunto ao Interventor para avaliar os informes técnicos presentados que xustifiquen a viabilidade da proposta gañadora, a entidade Xestión Ambiental Contratas que reduciu en máis de 380.000 euros o prezo de saída das intervencións, 1.441.328 sen impostos.

No caso de que sexa desestimada requiriráselle a documentación necesaria á que ocupa o segundo lugar. En dous días deberá de presentar toda a información solicitada e noutros tres a xunta volvería reunirse para repetir a operación e así ata que se adxudiquen as actuacións, isto a condición de que se dea o peor escenario posible. O alcalde Carlos Gómez, pola súa banda, preferiu manterse cauto e agardar á resolución emitida polos compoñentes da mesa, aínda que confía que as obras poidan comezar no mes de outubro para poder cumprir cos prazos. Aínda que é certo que todas as candidatas reduciron o tempo de execución nun mínimo de tres meses, as actuacións deberán de estar finalizadas en marzo de 2023 e a partir de aquí calquera contratempo imposibilitaría rematar as intervencións dentro da data tope.

As rebaixas sobre o prezo inicial de saída das intervencións máis ambiciosas dos últimos anos en canto a obra pública refírese oscilan en máis dun 25%, no caso da máis baixa, e un 19,5 para aquela que se achega ao corte mínimo, fixado en 1.241.992 euros, a empresa Novavial, e en cuestión de días saberase se o proceso consolídase. As intervencións previstas non só limitaranse a un cambio de imaxe, senón que tamén irán ao que non se ve, a súa estrutura, que ao funcionar de rompe ondas mostra claros síntomas de erosión con afundimentos do firme en numerosos puntos.