A veciñanza de Vilaza reclama a regularización urxente do servizo de abastecemento de auga na parroquia

A veciñanza de Vilaza acorda en asemblea reclamar do goberno local accións urxentes e inmediatas para regularizar o servizo de abastecemento de auga na parroquia. Na asemblea, convocada polo BNG e celebrada o pasado 3 de agosto, decidiron iniciar unha recollida de sinaturas nese sentido. As persoas interesadas en colaborar na recollida teñen follas á súa disposición no Centro Cultural de Vilaza. O prazo rematará o día 2 de setembro ás 20:00 horas coincidindo cunha nova asemblea parroquial onde se fará reconto das firmas recollidas e se decidirán as seguintes accións a desenvolver.

Na reunión, os veciños lembraron os antecedentes da actual situación: en decembro de 2012 a Asemblea Xeral da Comunidade de Augas para uso doméstico de Vilaza, por amplísima maioría, aprobou a cesión da rede da Comunidade ao Concello de Gondomar; en marzo de 2015 o Goberno municipal do Concello, a través de resolución da Alcaldía de Fernando Guitián, asumiu esa cesión da Comunidade; ante este feito, en xuño dese ano a Asemblea da comunidade acordou dar de baixa a entidade, que xa non existe dende esa data. Posteriormente, en febreiro de 2016 o Goberno municipal do Concello, a través de resolución da Alcaldía de Paco Ferreira, declarou nula a resolución de 2015 que asumía a cesión, por non se ter levado a pleno o acordo. Logo desa data e até a actualidade, seis anos despois, a cesión segue sen se facer efectiva e o servizo de abastecemento de auga na parroquia está a prestarse en precario, sen que en ningún caso poida ser atribuíble a causa desta situación á veciñanza.

Á vista dos antecedentes, tendo en conta que a auga é un ben básico, que o acceso a ela é un dereito fundamental das persoas e que o servizo de abastecemento é de competencia municipal, as veciñas e veciños da parroquia de Vilaza acordan reclamar ao goberno municipal que se realicen de maneira urxente e inmediata as accións necesarias para regularizar a situación do servizo de subministración de auga na parroquia de Vilaza, para que a rede de distribución en toda a súa extensión e compoñentes pase a ser legal e definitivamente municipalizados, para que o servizo de auga para uso doméstico aos usuarios actuais da rede parroquial sexa prestado polo concello coas mesmas garantías, dereitos e deberes que os demais usuarios da rede municipal, e para que se garanta tamén o acceso ao servizo a todas as novas vivendas que así o soliciten, xa que, segundo o expediente existente no concello, habería preto de 200 solicitudes en lista de agarda.

Tanto para o BNG como para os veciños de Vilaza “é incomprensible que desde o Concello se fixeran as cousas tan mal desde o inicio”, e, desde logo, consideran que “non é admisible que seis anos despois de se ter anulado o acordo de cesión non se teña avanzado nada na resolución do problema”. É por iso que instan ao goberno local actuar xa e chaman a toda a veciñanza a se sumar a esta reclamación.