O musical “Camiñantes e Cantantes” chega a Nigrán

O vindeiro luns 1 de agosto, ás 21:30 horas, o musical “Camiñantes e Cantantes” continúa a súa xira no campo de fútbol de Lourido en Nigrán, no marco das festas da Virxe do Carme de Praia América. Trátase dun espectáculo coa agrupación La Ocaband como protagonista e que contará coa incorporación de importantes artistas convidados.

La Ocaband consegue neste espectáculo que o público vaia camiñando, a través dos artistas galegos de todos os tempos, polas distintas rutas a Santiago de Compostela, guiados pola zona xeográfica do artista en cuestión, ou pola canción popular que se interpreta no momento: temas recoñecidos de Fuxan os Ventos ou A Roda; ou artistas tan reputados como Juan Pardo ou Julio Iglesias, pasando por Cómplices, ou Siniestro Total, entre outros.

O musical, ademais da actuación de La Ocaband como banda musical principal, contará coa participación de convidados de primeiro nivel, tanto na presentación como na guía e parte do espectáculo. Deste xeito, Pepo Suevos e o actor, monologuista e cómico Manuel Manquiña, participarán guiando o espectáculo, relacionado a través do seu guión coa festa galega, e as recoñecidas cantantes Pili Pampín e Laura Añón estarán acompañando ás voces da agrupación musical.

“Escoitaranse todos os temas que foron e son interpretados nas verbenas de toda Galicia… pero é una verbena moi particular, xa que nunca e en ningunha verbena soaron todos os temas xuntos”, destaca Dani Dopazo, director musical do evento. Ademais, contará tamén cun importante aporte audiovisual. As imaxes do Camiño de Santiago, gravadas con drone e outras técnicas de última xeración, formarán parte dos visuais que aparecen nas pantallas multimedia do espectáculo.

“Camiñantes e Cantantes” é un musical totalmente en galego, apto para un público familiar e de carácter gratuíto, que terá unha duración aproximada de 120 minutos e será gravado e emitido en directo a través da canle de televisión A Nove, que emite en TDT a través de todo o Eixo Atlántico. Tamén será emitido vía streaming en directo a través do YouTube de A Nove. Ademais, emitirase un programa especial con entrevistas, no que, entre outros, estará o presidente dos empresarios galegos, Juan Vieites, e Anxo Quintanilla, ex director da TVG.