Baiona recupera o fluxo turístico

Baiona volve recuperar o fluxo turístico que tiña antes da pandemia, cun continuo incremento do número de visitantes. Unha tendencia á alza referendada polos datos ofrecidos pola Oficina Municipal de Turismo, que mostran que no mes de maio as persoas que solicitaron información nas dependencias turísticas da vila superaron ás que o fixeron no mesmo período de 2019, antes da crise sanitaria do COVID-19. En concreto, as estatísticas mostran que desde o 1 ao 31 de maio pasaron pola oficina de turismo un total de 6.067 persoas para solicitar información, das cales 4.510 eran visitantes de procedencia nacional e 1.519 eran estranxeiros.

Os datos mostran que na actualidade hai unha maior incidencia do turismo internacional, detéctase unha recuperación total na chegada de peregrinos e do turismo de perfil foráneo, datos que van ligados ao ser o Camiño Portugués da Costa un importante foco de atracción do turismo internacional. Tamén é importante destacar que se recupera o perfil de visitante de día en grupo organizado, sobre todo nacional, pero tamén o perfil internacional debido á recuperación do sector cruceiros con chegada ao porto de Vigo. Outra das grandes diferenzas con respecto aos anos anteriores á pandemia é que se logrou a mellor ocupación hostaleira do mes de maio. Os datos de ocupación media foron dun 70% durante todo o mes. Trátase da maior cifra de ocupación neste mes desde que se fan rexistros na oficina municipal fai dez anos.

O aumento de peregrinos aloxados nos diferentes establecementos, xunto coa organización da competición J52 Series, que conlevou o aloxamento en Baiona de varios equipos durante dúas semanas, así como a atracción de público achegado e público en xeral de varios países, repercute neste dato tan positivo. Os datos recollidos mostran dous perfís de turistas perfectamente diferenciados, o vacacional, e o peregrino, gañado este último moito terreo en Baiona. Entre as procedencias internacionais destaca Reino Unido, Portugal, Alemaña, Francia e Estados Unidos. O perfil maioritario de alemáns, ingleses e estadounidenses é peregrino. A maiores, detéctase tamén un gran aumento na chegada de canadenses ou italianos.

O Camiño Portugués da Costa volve ser o terceiro roteiro de peregrinación con máis afluencia. Tamén se detecta un aumento de peregrinos/as que comezan o Camiño en Baiona. En canto ao perfil nacional, destaca Galicia, seguido de Andalucía, Castela León, Madrid e Castela A Mancha. Como foco de atracción de visitantes da comunidade galega, ademais da visita a Baiona en xeral, está a organización de diversas actividades como os roteiros de sendeirismo e safari etolóxico, que tiveron unha gran acollida entre o público.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, á fronte tamén da Concellería de Turismo, mostra a súa satisfacción pola “dinámica positiva” do turismo e remarca que “con estes resultados pódese afirmar que comezamos a recuperar os resultados estatísticos de antes da pandemia e mesmo os estamos superando”. Naqueles momentos xa anunciaban un crecemento constante e continuo dos visitantes que pasaban pola vila, especialmente estranxeiros, polo forte crecemento do roteiro xacobeo pola costa e pola proximidade do Ano Santo. “A nosa constante aposta pola calidade fai que non só cheguen novos visitantes a Baiona senón que aqueles que xa nos coñecen volvan elixir como destino vacacional”, finaliza o rexedor.

Afluencia de Peregrinos de Xaneiro a Maio 2022

A Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela rexistrou un total de 4.633 peregrinos e peregrinas que chegaron a solicitar a Compostela tras facer o Camiño Portugués da Costa, fronte aos 3.768 que o fixeron durante o mesmo período do 2019, o que supón un aumento do 23% este ano con respecto ao 2019. Cabe destacar que estes datos tampouco reflicten a totalidade de afluencia xa que os e as camiñantes que non queren conseguir a Compostela non acoden a esta oficina. Con estes datos, pódese prever que a evolución será ascendente nos próximos meses e que se chegarán a superar os números de 2019, ano no que xa se bateu o récord de chegadas. Este dato tamén nos mostra a importancia da atención no servizo de turismo municipal para, ademais de dar a atención que o visitante necesita, recompilar os máximos datos posibles para elaborar un perfil turístico.

“Estes datos veñen confirmar que o Camiño Portugués da Costa está a xogar un papel crave en desestacionalizar o turismo en Baiona. O obxectivo é lograr que a Vila teña visitantes, non só durante a época estival, senón o resto do ano. Os esforzos realizados durante os últimos anos polo Concello de Baiona para promocionar e mellorar o Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio tiveron un efecto dinamizador directo sobre o número de peregrinos que cruzaron Baiona nos últimos anos e desde o departamento de turismo seguiremos traballando para que ano tras ano sexan máis os camiñantes que elixen o roteiro xacobeo que transcorre polo noso municipio”, destacou o rexedor.