Paseo en bicicleta por Praia América cos maiores con enfermidades neurodexenerativas

O Concello de Nigrán e a ONG Discamino volveron a aliarse na tarde de onte para ofrecer, por segunda vez, un paseo en bicicleta adaptada aos maiores do centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, en Panxón. A decena de usuarios foi acompañada tamén en bicicleta polos seus familiares e alumnado do CEE de Panxón, ademais da edil de Maiores, María Mayán. O roteiro por todo o paseo marítimo de Praia América finalizou cunha merenda servida e elaborada polos mozos do CEE no propio centro á que asistiu o alcalde, Juan González.

“Esta imaxe é a esencia do que significa ‘Un Nigrán para todos’ e do que buscamos para o noso municipio”, resume o rexedor, quen agradece o traballo altruísta de Discamino e aposta por estender o uso das 5 bicicletas adaptadas pertencentes ao Concello de Nigrán a todas as persoas maiores, tal e como é habitual noutros países europeos polos múltiples beneficios que reporta e porque hai máis tradición de empregar este medio de transporte.

Concello e Discamino distribuíron os ciclos adaptados en función das capacidades físicas e mentais de cada un, desta forma, uns contribuíron ao pedaleo xunto á persoa voluntaria e outros foron en ciclos que xa non ofrecen esta posibilidade ao ser para grandes dependentes. “Estes paseos lles outorgan gran sensación de liberdade e de saúde física e mental porque grazas á bicicleta reviven recordos agradables da súa infancia ou xuventude”, explica María Mayán, edil de Maiores.

O Concello de Nigrán dispón dunha bicicleta adaptada con cadeira de rodas, outra igual pero con motor eléctrico, unha cadeira todoterreo monorroda tipo Joëlette, dous triciclos tándem tipo co-pilot e unha bicicleta adaptada, as cinco con base no pavillón municipal de Panxón e empregadas con asiduidade por usuarios do CEE Juan María ou por quen o solicite.