O PP critica a inacción do presidente da Mancomunidade ante o abandono do GES do Val Miñor

O Partido Popular do Val Miñor móstrase moi preocupado pola situación actual do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor (GES) debido á falta de persoal por baixas e outras incidencias. Dos 13 efectivos que compoñen o grupo, seis non están operativos, polo que é case imposible realizar as quendas de traballo, que moitas veces estanse facendo con unha soa persoa e días sen servizo por falta de efectivos e descansos obrigatorios que deben facer. Por iso, os membros do PP urxen unha solución ao Presidente da Mancomunidade, Francisco Ferreira, e que deixe de desentenderse dun grave problema de seguridade dos veciños do Val Miñor, que moitas veces teñen que agardar polos servizos doutros grupos de emerxencias como os de Vigo ou Porriño, aumentando considerablemente os tempos de resposta ante calquera incidencia.

No mes de outubro o alcalde de Gondomar e presidente da Mancomunidade, Francisco Ferreira, anunciou nos medios de comunicación que xa tiñan case rematadas as bases para a creación dunha bolsa de emprego coa que substituír as vacantes, despois de que caducase a última creada. “Tres meses despois nada se sabe desa bolsa de emprego, e o servizo cada vez está máis en precario”, lamentan os populares.

“O presidente da Mancomunidade non fixo nada para solucionar a falta de persoal no Grupo de Emerxencias do Val Miñor, deixando pasar o tempo para que agora coa entrada do ano 2022 lle pase a pelota ao novo presidente e o problema siga estando aí, sufrindo os veciños do Val Miñor as consecuencias da falta de xestión. Parece que o que queren é desmantelar o servizo e disolver a mancomunidade”, argumentan os representantes do Partido Popular.