O GES do Val Miñor advirte que con 9 bombeiros para a comarca “a situación é insostible”

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Un dos efectivos facendo unha revisión rutineira na sede de Nigrán.

Os 9 bombeiros do GES Val Miñor continúan facendo encaixes de palillos para cubrir os servizos en parellas ou mesmo en solitario e confirman que o 29 de outubro a sede pechará por falta de efectivos. Desde a Mancomunidade, presidida este ano por Paco Ferreira, están a queimar todos os cartuchos para aliviar a situación, incluso recorrendo ao último bombeiro en reserva que queda rexistrado nunha bolsa de emprego creada en 2010 e caducada e co que aínda non foron capaces de contactar. “Levantamos o reparo de Intervención e hoxe (18 de outubro) asinei a resolución oficial para notificarlle a oferta. Agora dispón duns días para responder”, explica, mentres puntualiza que levan días tentando localizalo, sen éxito. Paralelamente Ferreira adiantou que as novas bases para crear unha nova lista están practicamente listas e publicaranse nos próximos días.

O coordinador do corpo, Darío Varela, reitera que para intervir de maneira efectiva necesita como mínimo 3 profesionais cualificados por quenda, e que doutro xeito, no caso de non contar con máis apoios, poderían enfrontarse a situacións realmente complicadas desde o punto de vista da súa seguridade. “Se se dá o caso dun incendio nunha nave industrial directamente non poderiamos actuar ao non contar con medios humanos”, advirte.

O persoal do GES xa de seu é moi xusto ao contar cunha ducia de traballadores para os tres municipios, e con tres deles de baixa dáse a curiosidade de que non dispoñen de mans suficientes para utilizar todos os medios dos que dispoñen. “Hai catro camións e non temos persoal para utilizalos”, lamenta. O certo é que o cociente de Europa recomenda a un profesional por cada mil habitantes e seguindo este esquema o Val Miñor debería de contar con 45, e todo sen ter en conta o aumento poboacional que se produce en tempada alta. “Amplían o persoal dun gran número de departamentos mentres nós temos que arranxárnolas aínda con menos”, finaliza.