Nigrán inicia as obras para rehabilitar e dotar de accesibilidade universal a cafetería de Dunas de Gaifar

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para rehabilitar e dotar de accesibilidade universal a cafetería das instalacións municipais de Dunas de Gaifar co obxectivo de, a posteriori, sacar a concurso público a súa xestión. Os traballos, adxudicados a Construcciones Castro por 48.348 € e cun prazo de 2 meses, contemplan reparar e repoñer todos os elementos que non se atopan en condicións óptimas ou foron retirados, así como mellorar a accesibilidade. Non se realizarán cambios na distribución dado que o uso de cafetería se manterá igual nin se intervirá na parcela exterior, xa que a xestión se desligará por completo do seu mantemento e da actividade deportiva. As obras inclúen a reparación da cuberta, petos, e revestimentos ou a mellora das instalacións eléctricas, de ventilación ou fontanería e eliminación de barreiras arquitectónicas

“O obxectivo é entregar a cafetería ao futuro concesionario nun estado óptimo porque repercutirá no beneficio de todos os usuarios e na propia imaxe de Nigrán. Como novidade, a súa xestión estará desligada das instalacións deportivas ou do mantemento da zona verde”, explica o alcalde, Juan González, quen aposta por unha cafetería “que funcione todo o ano e sen actividade de ocio nocturno”.

Segundo o proxecto aprobado, eliminaranse os cortaventos do alzado nordeste ao impedir a accesibilidade e dotaranse aos aseos do equipamento preciso para persoas con mobilidade reducida, xa que actualmente carece del. Paralelamente, debido ao seu mal estado, repararase por completo a cuberta e os seus petos e substituirase o canlón; revisaranse e completaranse as instalacións de fontanería e eléctrica (faltan moitas luminarias e algunha toma); implementarase a ventilación e repoñerase o pavimento da zona pública da cafetería (o linóleo está moi desgastado e presenta irregularidades). Finalmente, as carpinterías exteriores de aceiro serán renovadas dado o seu gran deterioro, mentres que as interiores só precisan ser pintadas e reparadas puntualmente. As obras inclúen o pintado da fachada e dos interiores (atendendo tamén aos seus revestimentos).

Finalmente, cunha finalidade estética, instalaranse pezas de madeira en vertical en dous tramos de fachada, por un lado na que dá cara ás pistas de tenis e, por outro, na posterior, co fin de limitar o actual impacto visual das instalacións de aire.

“Entregaremos ao futuro concesionario unha cafetería renovada e en perfectas condicións para exercer a súa actividade, que é o que máis nos preocupa”, finaliza o rexedor.