No marco do mes dos libros, o CEIP Humberto Juanes celebrou unha xornada especial recibindo á escritora nigranesa Soledad García e á súa compañeira canina. Xuntas, exploraron as tramas das historias de protección ambiental da comarca do Val de Miñor que gardan os seus libros co alumnado de primeiro, segundo e cuarto curso.
Durante as sesións, a escritora presentou o seu último traballo, “Urco, unha historia reciclada”, baseado en feitos reais e que forma parte da campaña de adopción na cidade olívica debido ao seu compromiso coa protección dos animais abandonados.
Destacou a concienciación e a sensibilidade mostradas tanto polo profesorado como polo alumnado durante esta experiencia. Soledad García compartiu con entusiasmo o impacto positivo que a súa obra tivo na comunidade educativa, reflectido no notable aumento de adopcións de animais abandonados na cidade olívica durante o ano 2024.
Esta iniciativa do CEIP Humberto Juanes reafirma o seu compromiso coa educación integral, promovendo valores como o respecto pola natureza, a solidariedade e o benestar dos animais a través de experiencias locais que inspiran e transforman.

